Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 20 marzo 2023
21:40
h

‘Martelos e lobos’, a historia do castelo vimiancés na rede

As orixes, os propietarios e os Irmandiños dan vida ó relato divulgado polo Arquivo provincial

O Arquivo da Deputación da Coruña dá a coñecer a orixe do castelo de Vimianzo e o contexto do conflito irmandiño coa difusión do documento Torres de Vimianzo. Martelos e lobos, que ofrece unha síntese dos primeiros pasos e as posteriores idas e vidas da propiedade.

A iniciativa enmárcase no proxecto do ente provincial para difundir textos do seu arquivo a través da páxina web (arquivo.dacoruna.gal) co obxectivo de desvelar anécdotas e curiosidades históricas da provincia, neste caso a través de documentos, vídeos e citas que actúan como fío condutor para coñecer un pouco máis dos que foron os propietarios da fortaleza. As publicacións están comentadas pola historiadora e directora do Arquivo Provincial, Carmen Molina Taboada.

O documento relata como a fortaleza da capital de Soneira, cuxas orixes se remontan ao século XIII, foi o centro dunha extensa xurisdición, “un espazo de poder que controla os roteiros comerciais do mar do Norte, o negocio da sardiña, o sal e os refugallos dos naufraxios”.

Os primitivos donos, os Mariño, descendentes dos condes de Traba, caeron en desgraza no 1393 cando Mariño de Lobeira foi decapitado por orde do rei, e os seus pais tiveron que vender todos os seus bens ao Arcebispo compostelán.

No 1425 o castelo pasa a ser propiedade dos Moscoso. “O seu agresivo brasón, unha cabeza de lobo ensanguentada, converterase na negra sombra do arcebispado, tentando consolidar o seu señorío”. Comezaron entón cruentas disputas entre os Moscoso e os Fonseca, dando paso a unha etapa de provisionalidade no control da fortaleza e a súa zona de influencia. Nos seus sotos estivo preso dous anos o arcebispo Alonso II, que foi liberado despois de que a súa nai, Catalina, dispuxera do tesouro da catedral. Non foi o único prisioneiro do castelo, pois segundo recolle o documento nese século tamén estaría encerrado alí o bispo de Tui, Diego de Muros.

A Revolta Irmadiña do 1467 deixaría en ruínas as Torres de Vimianzo, pero foi un triunfo fugaz. No ano 1472 o arcebispo Alonso II de Fonseca recupera a fortaleza e ordena a reconstrución por forzados irmandiños derrotados, dando forma a que é a obra que chega ata hoxe.

López Sánchez de Moscoso recupéraa definitivamente no ano 1472, ata que catrocentos anos despois os lobos ceden paso aos Martelos nos escudos, logo de que o laxense Ramón Martelo, mercase o castelo no ano 1870.

CENTRO CULTURAL. Un século despois, o pleno da Deputación na sesión do 4 de abril de 1973 aprobou a adquisición da fortaleza e o proxecto de restauración, asinado por Carlos Fernández-Gago Varela no ano 1978, para converter a histórica fortaleza nun centro cultural vivo e dinámico, inaugurado no 1993 e que segue activo.

14 jul 2021 / 17:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.