Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ARTESANÍA. A deputada Montse García luciu no último pleno unha peza deseñada pola palilleira muxiá Lucita Figueroa // Mercouna na pasada Mostra de Camariñas TEXTO J. M. Ramos

Máscaras de encaixe no Congreso dos Deputados

O bo facer das palilleiras da Costa da Morte é mundialmente recoñecido, e os seus encaixes estiveron tamén presentes no pleno de debate dos Presupostos Xerais do Estado de 2022 no Congreso dos Deputados. A parlamentaria galega Montse García luciu na sesión unha máscara con puntillas que mercou na última Mostra do Encaixe de Camariñas á palilleira Lucita Figueroa.

“É unha peza deseñada por min e elaborada por miña nai, Mercedes Rodríguez, gañadora do primeiro Certame Antonio Fraguas de Artesanía, que incorpora puntillas cun deseño en forma de cuncha, o símbolo identificativo do Camiño”, afirmou a encaixeira de Muxía.

Estas máscaras artesás que, decoradas con encaixe, están a se converter nun dos produtos estrela desde o comezo da pandemia. “Séguense vendendo moi ben, porque gustan moito e ademais a puntilla cubre toda a peza, o cal fainas máis atractivas”, engade. Trátase de pezas únicas, elaboradas dun xeito totalmente artesanal, e que, dependendo dos deseños, o seu prezo oscila entre os quince e os vinte euros.

Lucita Figueroa é unha das artesás que, dende a Semana Santa, expón tamén os seus produtos na pérgola das artesanías habilitada polo Concello de Dumbría ao pé da fervenza do Ézaro. Ao longo destes meses as máscaras con encaixe chamaron moito a atención neste espazo, que é visitado cada ano por milleiros de turistas, o que permitiu que a arte do palillo se expandise a través destas pezas a multitude de lugares de España e tamén do extranxeiro.

Os vindeiros días 13 e 14 de novembro, a palilleira muxiana participarán tamén no Mercado de Mulleres Artesás, que se celebrará en Carballo, despois de visitar en meses pasados Fisterra e A Coruña.

A cita é no segundo andar do Mercado Municipal, e alí estarán tamén as puntillas e as máscaras de encaixe de Lucita Figueroa, ademais de outras creacións artesanais obra de redeiras e sancosmeiras, oleiras, xoieiras, artesáns que traballan o coiro e con macramé e crochet, entre outras modalidades.

Participarán arredor de trinta mulleres artesás que porán á venda e amosarán o seu traballo ao público entre as 12.00 e as 21.00 horas. A cita complementarase con numerosas actividades paralelas, como unha exposición fotográfica sobre as mulleres artesás e unha reportaxe documental, ademais de actuacións musicais e recitais poéticos.

06 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.