Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Mazaricos prepárase xa para unha fin de semana chea de música e artesanía

O MZFolk, que arranca o venres e rematará o domingo, recolle o espírito do Festifolk

Mazaricos. Mazaricos volve organizar un evento de posta en valor e difusión da cultura da vila, música e artesanía tradicional na última fin de semana do mes de xullo. O MZFolk recolle o espírito do Festifolk celebrado o pasado ano e alonga as actividades ata tres días. Deste modo, o Recinto Feiral da Picota acollerá concertos, postos de comercio local e artesanía, obradoiros e demostracións en vivo de artesanía, xogos infantís tradicionais e moito máis entre a tarde do venres 29 e o domingo 31.

O venres 29 de xullo terá lugar a inauguración ás 18.00 horas cunha merenda de balde de petiscos e refrescos para todos os asistentes. Haberá actuacións con instrumentos tradicionais, xogos para os máis pequenos, e por suposto postos de artesanía e comercio local, que se manterán durante o sábado e o domingo.

O sábado 30, o Recinto Feiral abrirá as súas portas ás 10.00 h. Igual que no día anterior, haberá postos comerciais e xogos para a rapazada, así como demostracións en vivo de artesanía. Ás 13.00 horas terá lugar unha degustación de carne de Mazaricos a cargo do Asador Manduca.

Pola tarde, dende as 16.00 horas, haberá obradoiros gratuítos de artesanía de trenzado de palla (Trenzarte), cerámica con Feituras Buño e diversos materiais de Como pez en el agua. Ademais, habilitaranse food trucks e unha cantina para a venda de comida e bebida. Aínda que os distintos postos da feira pecharán as súas actividades ás 21.00 horas, o MZFolk continúa e ás 23.00 h terá lugar o concerto de Mercedes Peón.

O domingo 31 o MZFolk volverá dar comezo ás 10 da mañá, novamente con postos de comercio local e artesanía, demostracións en directo e xogos infantís durante toda a mañá. A Charanga Mecánica amenizará a festa entre as 12.00 e as 14.00. Pola tarde haberá inchables e xogos tradicionais de madeira para as nenas e nenos.

Como o día anterior, habilitarase un servizo de cantina e foodtrucks. A última hora sortearanse tres xamóns entre as persoas que depositen as rifas que xa se están distribuíndo no comercio local mazaricán, e que tamén se repartirán nos postos comerciais durante todo o MZFolk.

DECORACIÓN. Este evento pretende reivindicar toda a forza e a memoria do mundo tradicional mazaricán e galego. A decoración foi feita con mimo e esforzo por parte das rapazas e rapaces participantes nos obradoiros de manualidades que organiza o Concello para homenaxear ao mundo rural. Haberá enfeites con estes motivos por todo o recinto, incluíndo medas, apeiros de labranzas, teas e madeira. Ademais, colocarase un photocall onde as persoas visitantes poderán fotografarse simulando portar traxes tradicionais. c.g.

28 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.