Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Medidas para minimizar en Catoira o risco de inundación

Augas de Galicia destina 300.000 € a desenvolver o proxecto construtivo que mellore o espazo fluvial do rego Gondomil

A Consellería de Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, remitiulle ao Concello de Catoira o convenio de colaboración para impulsar as actuacións necesarias para reducir o risco de inundación nos ríos Ulla e Sar, ao seu paso polo municipio pontevedrés. Segundo recolle o texto do convenio, trátase de desenvolver o proxecto construtivo para a mellora do espazo fluvial do rego Gondomil, no cruce coa estrada provincial EP-8702, co obxectivo de executar as obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación (ARPSI) nestes ríos. Tal e como establece o texto do acordo, a Xunta asumirá integramente o financiamento dos traballos, cun investimento de 300.000 euros. As actuacións están cofinaciadas con fondos Feder 2014/2020.

Augas levará a cabo a contratación da redacción e aprobación do proxecto e as actuacións que permitan a licitación, contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización. Pola súa banda, o Concello, tras aprobar o proxecto construtivo, asume a posta a disposición dos terreos necesarios para posibilitar as obras así como a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Ademais, obrígase a recibir as obras.

O organismo que depende de Infraestruturas redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Desde o 1 de maio e ata o 30 de xullo está aberto á participación pública o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano. Nestas áreas con maior risco, recóllese a necesidade de redactar un Plan específico de xestión do risco de inundación, no que se traballa a nivel de detalle na propia área para tratar de minimizar os perigos concretos.

No plan realizado nas áreas dos ríos Ulla e Sar, Augas contemplou varias opcións para realizar actuacións que contribúan a minimizar o risco asociado ás mesmas, sendo considerada a máis prioritaria no concello de Catoira a mellora deste espazo fluvial do rego Gondomil. En conxunto, están a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas. Trátase das contornas do Umia en Caldas e Portas; Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; o Anllóns, en Carballo; Campeda en Vimianzo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Bahíña e o Groba en Baiona, e no Lagares, en Vigo.

18 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.