Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Medra a concienciación e
o compromiso coa reciclaxe da veciñanza da Laracha

No 2021 depositaron nos contedores máis de 4.300 toneladas de residuos // Buscan máis usuarios do programa Ti tes a chave

O balance dos datos da xestión dos residuos sólidos urbanos do Concello da Laracha poñen de manifesto a consolidación da reciclaxe e a tendencia á alza do volume de residuos depositados pola cidadanía nos contedores de recollida selectiva para facilitar o seu posterior tratamento. O pasado ano foron xestionadas un total de 4.313 toneladas de residuos sólidos urbanos, segundo os datos de Coregal, -o centro de emprego de Cogami-, concesionaria tanto dos servizo de recollida e transporte e da xestión das instalacións do punto limpo.

O volume máis importante corresponde ao contedor da fracción resto, con 3.855 toneladas recollidas. Como dato significativo, cabe salientar os do contedor marrón de orgánicos, a quinta fracción da recollida selectiva, implantado nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e na urbanización Monte Claro de Cabovilaño, e no que se depositaron durante o ano pasado preto de 125 toneladas. Entre familias e establecementos comerciais actualmente hai uns seiscentos usuarios destes colectores que están dados de alta no programa Ti tes a chave. Calquera persoa que se anote no Concello recibirá de xeito gratuíto a chave que abre os recipientes marróns, un cubo ventilado e bolsas compostables.

Tamén se incrementou o material recollido nos contedores amarelos para envases lixeiros, con 155 toneladas no 2021. Este aumento está motivado tanto pola maior concienciación da veciñanza como pola progresiva ampliación da cobertura nos principais núcleos rurais pola que está a apostar o Concello.

ACEITEs. Ademais, nos contedores laranxas para o depósito de aceites domésticos que están implantados nos tres núcleos urbanos e na urbanización de Cabovilaño desde mediados de agosto foron recollidos 1.890 quilos. O correcto tratamento deste tipo de residuo evitou a contaminación de 2.079.000 litros de auga. Ademais, a súa transformación en biocarburante posibilitou a redución de 5,67 toneladas de emisións de dióxido de carbono (CO2).

En canto ao punto limpo, os datos achegados corresponden aos últimos cinco meses do ano, xa que Cogami é concesionaria da súa xestión desde finais do pasado mes de xullo. As cifras máis significativas son as seguintes: 10,7 toneladas de ferralla; 7 de aparatos electrónicos; 3 de electrodomésticos; 4,1 de monitores e pantallas: 7,5 de plásticos de uso agrícola; 1,1 de pintura; 13,5 de materiais de difícil reciclaxe e 120 quilos de pilas.

O punto limpo é un servizo totalmente gratuíto para os usuarios. Está situado xunto á ponte do Formigueiro, moi preto do casco urbano da capital municipal, e abre ao público os luns, mércores e venres pola tarde e os sábados en horario de mañá.

Ademais, o servizo de recollida de voluminosos a domicilio tamén se ofrece de xeito gratuíto chamando ao teléfono 900 701120. Nos últimos cinco meses de 2021 foron transportadas e xestionadas 26,6 toneladas.

AGRADECEMENTo. Dende o Concello da Laracha agradecen á veciñanza “o seu esforzo na separación dos residuos, unha cuestión esencial para facilitar o seu posterior tratamento e reciclado por parte de xestores especializados”, afirman.

09 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.