Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Medra un 28 % o uso dos autobuses autonómicos na comarca de Bergantiños

Boa parte dese incremento é motivado pola bonificación das tarifas un 50 % // Aumentaron as viaxes cara as dúas cidades: A Coruña e Santiago de Compostela

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este luns a estación de autobuses de Carballo, onde salientou que os descontos do 50 % están a impulsar un incremento significativo no uso do autobús autonómico na comarca de Bergantiños, onde se rexistrou unha suba do 28 % nas viaxes con dirección á Coruña.

O sue departamento constatou un incremento do 40 % no uso do autobús da Xunta a nivel autonómico, cun incremento do 20 % vinculado á recuperación progresiva da demanda tras a pandemia e o outro 20 % imputable directamente ás bonificacións.

A conselleira explicou que ese aumento no número de pasaxeiros tamén se está a observar en Carballo, nos dous principais corredores nos que se concentran os desprazamentos. Así, Ethel Vázquez concretou que na primeira quincena de setembro a liña entre Carballo e Santiago rexistrou un incremento do 38 % no uso do autobús, con respecto ao mesmo período do ano anterior, do que un 6 % é consecuencia directa das bonificacións, nun contexto de suba xeral pola recuperación do uso do transporte público tras a pandemia.

Asimesmo, concretou que, no caso dos desprazamentos en autobús cara A Coruña, que se incrementaron un 28 % con respecto ao mesmo período do ano anterior, o 19 % da porcentaxe total de incremento é imputable ás bonificacións na tarifa do 50 %.

Sinalou que este crecemento do número de viaxeiros tamén vai parello ao número de Tarxetas de Mobilidade de Galicia, as tarxetas TMG coas que se aplica esa bonificación, expedidas. Na primeira quincena de setembro en toda Galicia expedíronse 7.000 novas tarxetas TMG, o que supón duplicar en 15 días cifras dun mes completo. Só en Carballo expedíronse 190 tarxetas e a cifra increméntase a 225 na comarca de Bergantiños.

MOZOS. Ethel Vázquez referiuse, ademais, á aposta da Xunta polo transporte público, que se traduce, tamén, “nunha medida moi potente de apoio ás familias, a tarxeta Xente Nova”, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis no autobús da Xunta: 129.000 en Galicia; 3.200 na comarca de Bergantiños; e 1.770 no concello carballés.

Autovía AG-55
Conxelación da peaxe

··· Ethel Vázquez anunciou que, como complemento ás referidas medidas, a Xunta de Galicia decidiu tamén manter conxeladas as peaxes das autoestradas autonómicas en 2023, entre elas a AG-55, que une A Coruña con Carballo. O obxectivo é “paliar os efectos da elevada inflación no peto das familias”, segundo afirmou. “Seguirán sendo as máis baratas de España”, engadiu.

··· A conselleira lembrou que os descontos do 50 % nas tarifas do transporte público ata o 31 de decembro están vixentes para os usuarios dos autobuses, do transporte de ría en Vigo, do ferrocarril Feve na comarca de Ferrol e do bus urbano nas cidades de Ferrol e Pontevedra.

27 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.