Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Organizada polo Concello, a importante cita coa música e o baile tradicional volta á capital do Melindre tras un parón de máis de tres anos // Grupos de toda Galicia acudirán a un certame que inclúe o Serán e os Cantos de Taberna TEXTO Sol Elvira

Melide bailará a ritmo de Foliada e Tanxugueiras o 23 e 24 de abril

Tras un parón de máis de tres anos, -a última celebrouse en 2018-, volta a Foliada de Melide que neste 2022 celebra a súa XV edición entre o sábado 23 e o domingo 24 de abril. O evento é unha das citas de música e baile tradicionais máis destacadas e multitudinarias de Galicia. Nesta edición de 2022, por primeira vez organizada polo Concello, retomaranse os elementos tradicionais das citas previas e contarase cunha sólida oferta musical onde destaca a presenza das Tanxugueiras en concerto.

A presentación desta XV edición tivo lugar este venres na Praza do Convento de Melide, coa presenza do alcalde, José Manuel Pérez, e a concelleira de Cultura, Mayka Basalo. Ambos representantes institucionais salientaron que a Foliada de Melide é un evento consolidado.

Nesta ocasión, o Concello recolle o testemuño da Asociación Cultural O Castelo, tradicional organizadora do certamen musical. Faino, en palabras da concelleira de Cultura, “con todo o respecto polo formato da Foliada e polo legado de catorce edicións previas organizadas por O Castelo, e toda a vontade para que siga medrando como unha das principais festas de música tradicional galega”, dixo.

ACTIVIDADES. Nesta edición volverán as actividades tradicionais como o Serán e o Concurso de Cantos de Taberna durante o sábado 23. Este último celebrará a súa 11ª edición na zona dos viños dende as 12 da mañá. Dende o ano 2009, o mediodía do sábado sempre acolleu este evento onde todas as persoas asistentes poden gozar dos cantos polos locais de hostalería da zona antiga da vila coruñesa.

En canto ao Serán, celebrarase ás 19.30 horas e participarán, como viña sendo tradicional, grupos chegados de todo o municipio de Melide e de concellos da súa contorna como Toques, Santiso, Arzúa, Palas de Rei ou Sobrado dos Monxes, así como doutros puntos de Galicia coma a comarca do Morrazo.

Na noite do sábado terá lugar, a partir das 00.00 horas, o concerto de Comando Curuxás na Praza do Convento. Cun amplo repertorio vocal e instrumental e unha vocación ligada á música tradicional, o seu espectáculo incluirá ritmos bailables para compor unha actuación que gustará a todo o mundo, segundo destacan os seus promotores.

A potente programación musical rematará o domingo, a partir das 19.00 horas coa actuación das Tanxugueiras no parque Rosalía de Castro.

O terceto conformado polas irmás Sabela e Olaia Maneiro e Aída Tarrío, que reinterpreta e achega a unha nova xeración á música tradicional galega, ofrecerá así en Melide unha das súas primeiras actuacións despois do seu importante resultado na carreira para representar a España en Eurovisión.

Indicar, tamén, que a XV edición da Foliada contará novamente coa mostra de artesanía, que reunirá artesáns de todo o país en postos que inclúen elementos tan diversos como instrumentos musicais, traxes tradicionais ou tallas en madeira, pedra e coiro, entre outras pezas.

Un ano máis será un dos puntos fortes da festa da Foliada, onde as persoas asistentes poderán asomarse por unha fiestra á máis viva tradición galega.

EVENTO FAMILIAR. A concelleira de Cultura, Mayka Basalo, anticipou que esta edición volverá ser “unha festa protagonizada pola nosa música tradicional”. Basalo prometeu que a Foliada será “un evento familiar e plural cheo de actividades” e agradeceu á Asociación O Castelo “o seu esforzo durante máis dunha década para que a Foliada fose posible e tivese o éxito que ten”.

Finalmente, a edil tamén agradeceu á Asociación O Castelo “a súa plena colaboración e asesoramento para a posta en marcha desta edición”, concluíu.

03 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.