Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 19 octubre 2021
12:49
h
A primeira semana do mes haberá showcookings, charlas en streaming e concertos para celebrar a Festa do Melindre // Os aforos serán reducidos e hai que inscribirse TEXTO Alba Prada

Melide conságrase como o municipio máis doce

A Festa do Melindre quedaba suspendida o ano pasado por mor da COVID e neste 2021 tampouco se poderá celebrar por todo o alto. Non obstante, o Concello de Melide non vai deixala pasar por alto, e por iso xa ten prevista toda unha programación que permitirá ensalzar os doces tradicionais da vila. Sempre, por suposto, con todas as medidas de seguridade garantidas.

As propostas arrancarán o vindeiro día 5, baixo o título Días de exaltación da Repostaría Tradicional de Melide, e extenderanse ata o domingo 9, xornada na que se celebraría o festexo noutras condicións.

O mércores 5, de 11.00 horas a 12.00, emitirase por streaming un faladoiro arredor da repostaría local. Unha forma de que todos os interesados o poidan seguir dende a comodidade e a seguridade das súas casas. Ao día seguinte, toca unha actividade máis práctica e visual: o cociñeiro local Miguel Liboreiro, do restaurante Tobo do Lobo , ofrecerá un showcooking. O día 7 tocará outro, desta vez os encargados da cociña serán os gañadores do concurso Come a Comarca da TVG. Os dous showcookings terán lugar no Cantón de San Roque, ás 19.00 horas da tarde, e para asistir será necesario reservar praza para o control de aforo, cun máximo de corenta persoas por actividade.

A música, por suposto, non podía faltar nestas xornadas de exaltación dos doces tradicionais locais. Dende o Concello confirman que “os encargados de porlle a banda sonora á xornada do sábado 8 de maio serán Os Melidaos, cun concerto no centro sociocultural Mingos de Pita ás 19.00 horas para o que tamén será necesario inscrición previa”.

As reservas para as actividades poden facerse no teléfono 981 505003 na extensión 2122 ou no correo electrónico reservasculturais@concellodemelide.gal.

O domingo 9, que sería a xornada propia do festexo, a concellaría de Promoción Económica ten preparada unha sorpresa para os amantes dos doces tradicionais do municipio; os famosos melindres, ricos e amendoados. Segundo indicaron dende o goberno local, os reposteiros da vila sacarán o seu produto á rúa e farano con diferentes stands no cantón de San Roque, onde se tomarán todas as medidas necesarias para velar polo estrito cumprimento das normas sanitarias establecidas. Durante a xornada dominical tamén haberá animación de rúa a cargo do Cuarteto Asubío de 12.30 horas a 14.00, así como propostas infantís na praza do Convento dende as 12.30 horas e ata as 13.30, e pola tarde de 17.00 a 18.00 horas.

A Festa do melindre e da Repostaría tradicional de Melide, de Interese Turístico de Galicia, cumpriría a trintena de celebrarse da maneira habitual. Hai que lembrar que xa o pasado ano a vila viuse obrigada a festexala con propostas nas redes sociais tales como showcookings, vídeos de maxia con Dani Polo, actuacións musicais e incluso cun pregón online de man da xornalista Cristina Pampín. Unhas propostas que nos fixeron máis ameno o confinamento. Desta vez, o panorama non é tan escuro, pero a seguridade debe antepoñerse a calquera festa. Virán tempos mellores.

01 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.