Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Ata o 7 de setembro pode verse a súa obra na Viñoteca Ribeirao // O eixe é o Camiño de Santiago TEXTO A. Prada

Melide desfruta do pintor do viño Abel Barandela

Abel Barandela, tamén coñecido como “o pintor do viño”, é un artista ourensán que, como o seu sobrenome indica, é coñecido por utilizar o derivado da uva como técnica pictórica. Sempre conta que comezou a pintar despois de observar nunha cea con amigos os efectos que as manchas de viño tinto do país producían sobre o mantel de papel. Dende entón sácalle proveito a esta bebida, na que Abel ve todo un recurso para crear arte. Mestura o viño tinto con cores acrílicas, que teñen base de auga, o que lle permite unir isto cos posos do viño e conseguir unha peculiar oxidación “que genera una tonalidad de sepia que recuerda a las fotos antiguas”, describe o artista.

Un ano máis Barandela traslada o seu traballo á Viñoteca Ribeirao, ubicada en pleno traxecto do Camiño de Santiago. Nesta ocasión todos os que se acheguen poderán desfrutar dunha decena de obras, todas elas relacionados co Camiño na propia cidade de Compostela. Así o artista recreou dende a fachada da Catedral de Santiago, ata escenas de peregrinos que miran ao fronte ou ben que se perden paseando polas rúas do casco vello.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 7 de setembro. Todos os clientes da Viñoteca Ribeirao, e visitantes, poderán desfrutala no horario comercial do establecemento. Atópase concretamente na Rúa do Convento e o seu horario de luns a venres abrangue das 11.00 ás 14.00 horas e das 17.00 ás 20.00. Tamén está aberta o sábado de 11.00 a 14.00 horas. O pintor ourensán volve escoller esta singular ubicación para mostrar os seus traballos, cuxa orixinal técnica non deixa nunca de xerar gran interese.

23 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.