Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Melide deu luz verde a varias intervencións en toda a área rural melidá

No pleno tamén se aprobou un suplemento de crédito para facer fronte ao incremento de gastos pola suba da electricidade

O pleno ordinario do Concello de Melide deu luz verde por unanimidade a varias obras en vías de comunicación de toda a área rural municipal. Deste modo, no punto dous da orde do día aprobouse a participación municipal na 2ª fase do Plan Único de Concellos POS+ Adicional 2/2022 da Deputación da Coruña. Esta adhesión ao POS permitirá a materialización de varias actuacións de mellora da pavimentación e seguridade viaria en varios núcleos do rural melidense.

As obras incluídas no proxecto acollen dez intervencións na área rural melidá. Destas, sete serán realizadas integramente no espazo rural, e outras tres servirán para mellorar a ligazón deste co casco urbano. Os traballos levaranse a cabo utilizando aglomerado en quente.

Todos os portavoces municipais defenderon esta opción como a máis lóxica de cara a conseguir un resultado duradeiro e cómodo para o uso da veciñanza da localidade.

O equipo de goberno destacou que o citado proxecto continúa coa aposta de substituír o rego asfáltico polo aglomerado en quente, o que supón unha pavimentación de maior calidade e duración. Con este investimento acádanse os 1,3 millóns de euros investidos na área rural.

O proxecto de obra inclúe actuacións en dez puntos distintos. Estes son: os accesos ao Mato, do Barreiro á N-547, a Goxán, ao centro social Andeán, a pista a Formigueiro, o vial de Traspedra, o acceso ao Vilar, Trasfontao a rúa Marqués Marianao e os accesos a Zaramil e á Cooperativa. En todos os casos menos na rúa Marqués Marianao, o proxecto contempla a apertura e limpeza de cunetas por ambas as dúas marxes. O prazo de execución previsto para estes traballos é de catro meses. O orzamento de contratación será de 344.579,14 €.

CRÉDITO. Posteriormente, o pleno deliberou sobre a aprobación dunha modificación orzamentaria para facer posible un suplemento de crédito por un valor de 600.000 €.

O concelleiro de Facenda, Xosé Igrexas, salientou a necesidade de facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da escalada de prezos, nomeadamente no tocante á electricidade. Así, o responsable de Facenda comparou o gasto eléctrico do Concello en todo 2021, duns 450.000 €, cos case 616.000 € gastados de xaneiro a agosto de 2022. Deste modo, e antes de que remate o presente ano, os gastos derivados da electricidade medraron un 36 %.

O suplemento de crédito saíu adiante cos votos favorables de Adiante Melide e do PSdeG-PSOE, e o voto contrario do Partido Popular. Posteriormente, someteuse ao pleno a aprobación definitiva da conta xeral de 2021. O concelleiro de Facenda, Xosé Igrexas, salientou que por segundo ano consecutivo Melide cumpriu coa estabilidade orzamentaria, cun aforro neto positivo de máis de 850.000 €.

Nos últimos dous anos, según destacou Igrexas, revertéronse os datos negativos de estabilidade orzamentaria, reducíndose a conta 413 (conta de acredores por operacións pendentes de aplicar a orzamento) a algo máis de 306.000 € fronte aos case 1,1 millóns que chegou a acumular en 2019. “Este goberno local ten control das contas, cumpre coa regra de gasto, non ten déficit e paga en tempo e forma as facturas,” dixo. Neste punto, novamente, a aprobación saíu adiante cos votos positivos de AM e PSOE e a oposición dos populares.

O pleno tamén aprobou unha declaración en favor da finalización dos tramos pendentes da A-54 que conectarían por autovía Melide con Santiago de Compostela e Lugo. A Corporación de Melide reclama celeridade na materialización desta importante infraestrutura de comunicación independentemente do grupo político que se atope á fronte do Goberno do Estado.

Na súa intervención sobre este asunto, o alcalde, José Manuel Pérez, afirmou que o interese da vila é “independente de quen goberne” España. “Necesitamos que se cumpran os tramos Palas-Melide e Arzúa-Melide”, engadiu finalmente o mandatario.

comarcas@elcorreogallego.es

05 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.