Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Melide licita o proxecto para reformar a piscina municipal

Os populares consideran que esta obra non é sostible dende o punto de vista financeiro

A Xunta de Goberno local de Melide aprobou a licitación do proxecto de reforma e ampliación da piscina municipal. O orzamento de licitación é de 1.066.529,36€, cun prazo de execución de 9 meses.

A piscina municipal, pechada polo risco evidente que supoñía para a saúde dos usuarios polas deficiencias que presentaba, transformarase nun moderno centro deportivo. Así, os traballos incluirán melloras no sistema de climatización, ventilación, calefacción e xestión da auga, entre outros.

Asimesmo, destaca a reforma integral que se vai a realizar dos espazos de uso. O ximnasio será ampliado, pasando de 80 a 178 metros cadrados e os vestiarios serán máis amplos e funcionais, pasando dos 34 metros cadrados que teñen na actualidade aos 105.

Cando finalicen os traballos, o centro deportivo contará con dúas salas de actividades, de 80 e 58 metros cadrados respectivamente, e con novas máquinas de ximnasia que estarán adaptadas á normativa vixente.

POPULARES. Non obstante, o PP de Melide considera “inadmisible e unha mostra de incapacidade xestora” a licitación, a 5 meses das eleccións municipais, das obras da piscina climatizada municipal, indican.

“O mércores fomos chamados a unha comisión extraordinaria de asuntos do pleno que elevou a proposta do bipartito para contratar a piscina, logo de ter realizado 4 axustes do proxecto no último ano. Como é posible que agora en menos dun mes, e cos comicios locais á volta da esquina, a liciten e condenasen aos melidenses a desprazarse a outros concello durante máis de 3 anos para practicar deporte pola súa incompetencia?”, sinala a portavoz popular, Dalia García, quen ademais subliña que “foi o goberno de Pérez e de Prado o que se empeñou en tirar por terra a instalación que levaba funcionando dende a primeira década dos anos 2000, dando servizo a mais de 1.200 socios cuns prezos competitivos; agora, os melidenses, somos vítimas da súa incompetencia xestora”. “O proxecto non é financeiramente sostible”. Dende o Concello respostan que se pechou “por informes de expertos que indicaban que supoñía un alto risco para a saúde dos usuarios”. “Non é financeiramente sostible, ao igual que tampouco o é o alumeado público ou un hospital, pero é un servizo necesario e usado polos veciños”.

31 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
PP
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.