Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Melide volve ao pasado co mercado Furelos no 1900

A cita celebrarase do día 16 ao 18 deste mes e incluirá un tren turístico // Haberá música, teatro, artesanía ou exposicións

Melide acolle durante este mes a quinta edición do Mercado de Época Furelos no 1900. Unha cita que se consolida e na que se convida á veciñanza e visitantes a mergullar no Melide do pasado, rememorando e recreando a estética da época. Un ano máis, animación, música, teatro e artesanía son o fío condutor desta viaxe no tempo.

Esta nova edición aposta por fortalecer o carácter dinamizador sobre o turismo local que posúe este mercado e contará cun atractivo engadido: o Tren Turístico Furelos no 1900, que unirá o centro da vila con dita parroquia.

As paradas atoparanse diante da Capela de San Roque e Furelos, onde se celebra o evento. A frecuencia será dunha hora entre viaxes.

O Mercado de Época abrirá as súas portas o venres 16 deste mes ás 19.00 horas. Posteriormente, o sábado 17 e o domingo 18 abrirá ás 11.30. O peche será á medianoite nas tres xornadas. A animación e a música non faltarán. Así o sábado pola mañá, os visitantes poderán desfrutar da actuación de Froito Novo.

Á tarde tocaralle o turno ao grupo Falcatrueiros de Palas de Rei e representarase ademais a obra de teatro De onde veñen os Congos. As actividades do sábado incluirán pola tarde os xogos populares. Durante a xornada do sábado e do domingo terán lugar obradoiros de pan a cargo de Esparto, e demostracións de elaboración de tella a cargo dos telleiros de Furelos.

As actuacións do domingo inclúen Meigas e Trasgos de Sarria e Louband de Sarria. Igualmente, terá lugar o espectáculo teatral Contos, voltas e reviravoltas. Asemade, o domingo achegarase á vila Garabato de xogos, que ofrecerá un compendio de xogos fabricados de materiais reciclados, e farase unha homenaxe aos telleiros de Furelos.

Tamén dende o venres ata o domingo na Casa Museo de Furelos recrearase a Escola do Pasado, actividade que se realiza grazas ao Museo Pedagóxico de Galicia. Dende a concellería de Promoción Económica resaltan que con este tipo de propostas o obxectivo “é fortalecer o rural e seguir apostando polo turismo de interior”, afirman.

04 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.