Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mellor abastecemento e saneamento en cinco concellos de Costa da Morte

Cabana. Cinco concellos da Costa da Morte (Cabana de Bergantiños, Laxe, Corcubión, Dumbría e Fisterra) recibirán preto de 295.000 euros para garantir o funcionamento óptimo dos seus sistemas de abastecemento municipal ou para actuar na modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes, así como na construción de novas infraestruturas, ao amparo das axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Así o confirmou o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, durante a súa visita en Cabana, na compaña do alcalde, José Muíño, á estación depuradora de augas residuais do núcleo de Lodeiro. O Concello recibirá máis de 96.600 euros para levar a cabo melloras no depósito de Picón e na depuradora.

Estas axudas están destinadas a apoiar aos concellos máis pequenos, cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, para garantir o mellor funcionamento

destes servizos de competencia local. O límite máximo foi de 50.000 euros por solicitude e os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

En Cabana xa comezaron os traballos de substitución da tubaxe de distribución de auga potable á saída do depósito do Picón, situado na parroquia de Cesullas. Esta intervención conta cun orzamento de 47.795 euros. A actuación inclúe a retirada dun treito de 465 metros de tubaxe de fibrocemento cuxa vida útil estaba a piques de esgotarse. No seu lugar estase a instalar unha canalización de tubaxes electrosoldadas de 200 mm de diámetro que permitirá garantir a subministración de auga potable á práctica totalidade dos núcleos costeiros do municipio en épocas de seca.

Unha vez rematen os traballos de colocación procederase a repoñer o pavimento danado e acondicionar o firme para asegurar as condicións de seguridade na zona. O alcalde, José Muíño, destacou que “coa renovación da rede de Cesullas estase a realizar un traballo esencial para asegurar un servizo básico á poboación sobre todo en períodos de seca”. O do Picón é un dos depósitos que manteñen abastecida de auga potable todos os fogares da parte costeira de Cabana, polo que conservar a infraestrutura en boas condicións é clave”, engadiu.

A rede xeral de abastecemento de auga de Cabana de Bergantiños componse dun sistema complexo integrado por dúas redes interconectadas, que son a de Cesullas e Canduas, para dotar de auga potable os núcleos costeiros. Ademais, o municipio conta cunha rede independente en Rempenín para abastecer os núcleos interiores.

21 sep 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.