Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Melloran a seguridade da veciñanza de Ponteceso cunha nova senda peonil

Unirá Xornes e a Igrexa de San Xoán e poderá ser usada tamén por ciclistas // Proxectan outra na AC-424 no lugar do Couto

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este venres Ponteceso para anunciar a licitación das obras da senda entre Xornes e A Igrexa de San Xoán, que suporá un investimento de 446.000 euros.

A actuación céntrase na construción dun novo itinerario de uso compartido peonil e ciclista pola marxe dereita da AC-421, e enlazará coa senda xa executada en Xornes-Buño-Canta la Rana, que supuxo un investimento de arredor de 535.000 €. Terá 1,3 km de lonxitude e 2 metros de ancho, salvo en casos puntuais onde será maior, xa que se unirá o novo itinerario coa aliñación das parcelas para evitar que queden franxas baleiras no trazado.

A conselleira indicou que a senda será en formigón coloreado, para facilitar a visibilidade, e disporá, nos treitos onde sexa posible, de cuneta de seguridade e franxa axardinada. Completaranse os traballos coa execución da drenaxe e das canalizacións para alumeado público e telecomunicacións. Subliñou que con esta actuación “búscase mellorar a seguridade dos peóns nesta contorna e fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo tamén de mobiliario urbano, como un banco que facilite o seu repouso”.

O obxectivo da Xunta é iniciar as obras na primavera para que os veciños poidan ter á súa disposición xa o vindeiro ano, pois os traballos teñen un prazo de execución de seis meses. Concretou que as empresas interesadas en realizar os traballos teñen ata o 20 de decembro para presentar as súas ofertas.

Ethel Vázquez referiuse tamén ao proxecto de execución dunha nova senda no Couto, que se habilitará por ambas as marxes da estrada autonómica que vai a Corme, a AC-424. Trátase dun itinerario de aproximadamente medio quilómetro de lonxitude para dar continuidade ao existente e no que a Xunta investirá arredor de 320.000 €. Avanzou que a Xunta agarda poder licitar as obras canto antes, tan pronto se teña a mellor solución de integración paisaxística para o hórreo que hai na contorna e que, pese a non verse afectado polas obras, está considerado ben de interese cultural por ter máis de 100 anos e esixe unha intervención de posta en valor patrimonial.

Deste xeito, sinalou Ethel Vázquez, a Xunta suma un investimento de 1,3 M€ no concello de Ponteceso, en tres sendas peonís para que os veciños poidan facer os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro.

Referiuse, finalmente, a outras actuacións do Goberno galego na comarca de Bergantiños, destinadas a que os veciños poidan desprazarse de xeito máis cómodo, seguro e sustentable polas marxes das estradas autonómicas, como os novos itinerarios de Soesto e de Serantes, no concello de Laxe, ou o que conectará o centro comercial de Coristanco.

Exportavoz do PP

Pola súa banda, o exportavoz do PP de Ponteceso, Daniel García, amosou as súas queixas porque o “alcalde, sendo coñecedor dende o martes da visita de conselleira, avisounos unha hora antes do acto, demostrando así o seu talante democrático”. Tamén cargou contra o seu expartido, calificando o acto como “un lavado de cara á xestora do PP despois da traizón á miña persoa”.

25 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.