Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mellorarán a formación de catro mil profesionais do sector servizos de Galicia

Reforzarán a súa cualificación dixital ao amparo do programa Xacobeo // Lorenzana resaltou en Muxía os valores do Camiño

O vindeiro mes de novembro, no marco do Xacobeo, a Xunta desenvolverá un plan específico de formación dirixida a que 4.000 profesionais do sector servizos melloren a súa cualificación dixital. Así o confirmou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no oitavo encontro do programa Xacobeo Peregrinas, celebrado no Parador da Costa da Morte en Muxía, no que estivo acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Nesta oitava edición dos encontros Xacobeo Peregrinas conduciu o acto a actriz, cantante e modelo Cristino Maró, e acompañaron á conselleira, Gloria Lijó, primeira muller enrolada nun barco de pesca de altura; Inma Gregorio, trotamundos e creadora de contidos de viaxes, e Susana Ladra, enxeñeira informática e investigadora que dirixe o Campus Innova da Universidade da Coruña.

“O Camiño sempre vencellou culturas e historias de vida, e serviu de canle e transmisor de valores que van desde o plano individual (como a curiosidade e ganas de aprender, o afán de superación dun mesmo ou a humildade) ata o plano colectivo (con valores como a tolerancia, a empatía, a xenerosidade, a solidariedade ou a cooperación)”, remarcou a conselleira durante a súa intervención. Estes valores, tal e como destacou, resultan imprescindibles tamén no mercado laboral e o emprego, cun tecido empresarial que a Xunta está a impulsar “desde un enfoque que garanta o maior benestar posible para os traballadores e traballadoras galegas”.

Lorenzana avogou polas competencias transversais como as que integran programas formativos do seu departamento vencellados coas rutas xacobeas. Así naceu Camiño Emprendedor, que busca impulsar a iniciativa empresarial e a optimización das accións desenvolvidas por persoas traballadoras autónomas e no eido da economía social. Emprega o percorrido polas etapas do camiño con dinámicas de mentoring. O Camiño á empregabilidade, para a cualificación en comunicación activa e ferramentas TIC para menores de 30 anos, inclúe a ruta como broche á experiencia formativa.

EncamiñaRSE é outro dos programas que conxuga o percorrido coa mellora dos negocios de mulleres emprendedoras beneficiarias do programa Emega. Estas participan nunha xornada de convivencia -a próxima celebrarase o 13 de novembro entre Olveiroa e Cee- para compartir cocreación e aprendizaxes.

Pola súa banda, Nava Castro puxo en valor as excelentes cifras de reactivación que está a experimentar o Camiño de Santiago, que está chamado a xogar un papel fundamental no proceso de recuperación da demanda turística, especialmente no que atinxe ao mercado internacional.

Neste sentido, puxo en valor as iniciativas turísticas que se despregaron durante o verán, e agora en outono, para dinamizar e facer máis atractiva a oferta turística galega e amosouse ilusionada coa celebración do vindeiro Ano Santo, agardando que poida celebrarse cunha maior normalidade.

A Xunta está a promover tamén a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego, que se lanzará o 9 de novembro e que terá en conta as necesidades formativas do sector turístico e do comercio presentes no Camiño.

23 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.