Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Melloras no polígono industrial de Tordoia, que dá traballo actualmente a 300 persoas

Os labores están dirixidos a aglomerar parte da vía e a instalar unha tubaxe de pluviais cos pozos de rexistro

Tordoia. A Xunta de Galicia investirá un total de 88.000 euros para cofinanciar o acondicionamento da saída de augas pluviais do sector de solo urbanizable industrial S-03 e S-04 no polígono industrial de Tordoia. Así o comunicou este mércores o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, durante a súa visita ao municipio tordoiés, na que estivo acompañado do rexedor da vila, Antonio Pereiro.

A obra consiste na instalación dunha tubaxe de pluviais cos seus correspondentes pozos de rexistro. O representante do Goberno autonómico destacou ó respecto que este tipo de proxectos enmárcanse “na aposta da Xunta por impulsar a actividade industrial e mellorar a competitividade dos parques empresariais grazas á mellora das súas infraestruturas e ó impulso da creación de novas empresas que permiten xerar emprego”.

Con esta liña, da que se poden conceder anticipos de ata o 25 %, preténdese favorecer unha actualización permanente dos parques industriais da Comunidade para dar resposta ás necesidades de infraestruturas, comunicacións ou de adecuación ás novas esixencias.

Para a concesión das axudas aos polígonos, entre outras cuestións, valórase que os solicitantes sexan concellos emprendedores, pero tamén se ten en conta a superficie do parque empresarial, o nivel de ocupación ou a poboación do municipio. Dende a posta en marcha deste programa de apoios para a mellora de parques empresariais, así como da liña para a creación de novos viveiros industriais, lévanse amparadas en Galicia máis de 600 iniciativas (593 proxectos en polígonos e 13 viveiros industriais).

Todas elas contribúen a garantir a seguridade e a calidade do servizo, atendendo así as demandas das empresas afincadas nos polígonos industriais de Galicia.

Pola súa parte, o Concello aporta o 20 % da cantidade total que se investirá no polígono: 110.882,88 euros. “É privado, pero alberga tres empresas: unha de maquinaria agrícola, outra de xanelas de aluminio e outra de xanelas de parede, que xeran arredor de 300 postos de traballo, e en boa parte son veciños de Tordoia”, explicou a este xornal Antonio Pereira. Segundo indicou o alcalde, as empresas afincadas nel van medrando ano a ano e “é moi probable que nun futuro sexa necesario modificar o Plan Urbanístico actual para ampliar a área industrial que poden ocupar”, dixo. Actualmente, segundo sinala o alcalde, son uns 100.000 metros cadrados. Iso si: hai que ter en conta que non poden ocupar o cen por cen, pois hai que deixar distancias ou zonas verdes.

Con estas axudas que vén de conceder a Xunta ao polígono e que o Concello solicitou por primeira vez, “vaise aglomerar parte da vía e actuarase sobre a canalización de augas pluviais”, recalca Pereiro.

Ata o momento é o maior investimento que o goberno local fai no parque empresarial e o obxectivo é seguir atendendo as súas necesidades, dado que “queremos facilitar o máximo posible as cousas ás empresas que alí se asentan”, aclara.

CORTES DE LUZ. O Concello aproveitou a visita de Trenor para expresar o malestar de veciños e empresarios polos continuos cortes de luz que se están a vivir en Anxeriz, parroquia na que se ubica o polígono. “É unha liña moi longa, que chega dende Negreira, e por iso lle demandamos á Xunta colaboración para pedirlle a Unión Fenosa unha solución urxente”. Hai preocupación por parte do grupo empresarial, Concello e Goberno galego. A. PRADA

29 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.