Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Milleiros de persoas acuden á cita co Santiaguiño do Monte

vila e na subida ao monte // Degustáronse 500 kg. de sardiñas

As gañas de festa e de participar nunha das tradicións máis arraigadas quedaron este luns de novo patentes en Padrón. Milleiros de persoas acudiron ata a capital do Sar para participar na festa do Santiaguiño do Monte, seguir a procesión polas rúas da vila, subir as 137 escaleiras ata o monte San Gregorio e, logo, gozar coa romaría popular, na que o Concello de Padrón repartiu 500 quilos de sardiñas e outros 100 de cachelos.

O Parrandeiro, nome co que se coñece ao Santiaguiño, volveu percorrer as rúas do casco histórico de Padrón acompañado por outros seis santos e santas, que portaban veciños e veciñas de todas as idades. A comitiva oficial, presidida polas concelleiras de Festexos, Carmina Bustelo; Cultura, Lorena Couso, e o párroco Roberto Martínez, foi buscar os santos ás casas dos veciños que os custodian, e ao Santiaguiño, que estaba na casa consistorial. Despois fixeron un percorrido acompañados de grupos de gaitas e moita veciñanza, rematando no paseo do Espolón. Polo camiño non faltaron os tradicionais “bailes dos santos”, nos que os porteadores se animan a seguir o ritmo da música. Tras chegar de volta á igrexa de Santiago, só o Parrandeiro seguiu escaleiras arriba ata o Monte Santiaguiño, levado por catro mozos e acompañado por centos de persoas.

Na capela celebrouse a misa solemne, e despois iniciouse o xantar popular. Ademais das sardiñas e dos cachelos, o Concello de Padrón puxo a disposición dos romeiros bolos preñados (con chourizo) para que ninguén marchara con fame. A elo sumáronse as viandas que cada un levaba da súa casa, e no monte San Gregorio non faltaban os pratos máis tradicionais: o polbo e o churrasco.

Entre música galega e moitas ganas de festa transcorreu a xornada. Para quen non podía subir andando ou en coche, o Concello habilitou unha liña de autobús.

Xa pola tarde tocoulle a vez á cativada coa festa da escuma, DJ e a holi party no propio monte, pouco despois de que os Festicultores Troup ofrecesen o seu concerto. Pola noite, despois de que o Santiaguiño volvese baixar do monte, Roi Casal puxo o broche de ouro ao Santiaguiño Fest Week.

26 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.