Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mineiros de Touro e O Pino aprecian intereses nas críticas dos ecoloxistas

Acusan algunhas destas asociacións de “manipular, alarmar e mentir” sobre o proxecto para construir dúas plantas de tratamento de augas na vella mina

Dende a Asociación Mineiros de Touro e O Pino, que representa a máis de 1.300 asociados veciños e veciñas da zona, volven a denunciar unha vez máis, “a forma de actuar de certas asociacións ecoloxistas, empeñadas en manipular, alarmar e mentir, creando un medo e un catastrofismo completamente infundado. Agora trasladando o seu activismo político á loita contra un proxecto para restaurar a calidade das augas no entorno da vella mina, que promoverá a construción de dúas plantas de tratamento de augas”.

Desde a asociación aseguran que “unha vez máis, o que menos lles preocupa é o desenvolvemento de Galicia e a despoboación das zonas rurais. Porque o único que move a estas asociacións é un interese puramente político e partidista”.

Os defensores do proxecto mineiro quéixanse do estado actual das augas e esixen a súa restauración antes de retomar calquera proxecto de aproveitamento do cobre que segue a haber no xacemento, mediante un proxecto que aportaría riqueza e emprego a toda a comarca. “E, cando a empresa presenta esta iniciativa, sen estar obrigada e sen pedir nada a cambio, para solucionar definitivamente o problema, estes do Non a todo chámano vertido de augas de mina de forma encuberta”.

Neste senso explican que esas plantas de tratamento, “como a palabra o di”, tratarán as augas que saen da vella mina polos regatos Pucheiras, Portapego, Felisa e Rego das Rozas, para que vaian en perfectas condicións. “E fano asumindo o inmenso coste económico que supón a súa construción, operación e mantemento. E, ademais, tal e como nos explicaron, esta é só unha parte dun proxecto de restauración ambiental moito más amplo...”.

ENCUBRIMENTO. Nun comunicado feito público a entidade mineira pregúntase “quen son realmente os que pretenden encubrir algo? Estas asociacións encobren falacias constantemente con información que fan parecer verídica, para enganar á poboación, alarmándoa e xerando medo”, engaden.

“Por qué estes supostos amigos do medio ambiente se opoñen ao proxecto para solucionar a cuestión das augas? Por qué falan dunha autorización de vertidos encuberta? A iso chámaselle construir dúas plantas de tratamento de augas que van a solucionar este problema que tantos anos levamos demandando. Por qué estes supostos amigos do medio ambiente, non gastan súas enerxías en aportar solucións a estes problemas?”, plantexanse.

A Asociación de Mineiros de Touro e O Pino piden que se deixe de mentir “e teñamos máis rigor, que estamos falando de cousas serias”.

Insisten en que as críticas destes colecivos só respoden ó interés de favorecer os seus obxectivos políticos e ter o seu espazo na prensa. “Para iso, non dubidan en intentar bloquear un proxecto que vai solucionar a calidade das augas. E, para iso, dedícanse a recoller firmas en alegacións en calquera sitio: na ría, nas cidades... onda a xente ten boas oportunidades para gañar o sustento, pero veñen aquí a poñer paus nas rodas. E o que é peor, non dubidan en usar o gran altofalante que lles dan os medios de comunicación para falar mal dos nosos pobos, e mostralos como unha serie de lugares apocalípticos, esnaquizados e inertes por unha aberración medioambiental. Por qué deixamos que nos presenten así ante a opinión pública?“, argumentas desde a asociación.

DANO O ENTORNO. Os mineiros alertan contra o dano que se pode facer á comarca. “A nosa zona e o noso entorno son marabillosos, e falar mal deles non vai axudar a que veñan a coñecernos ou a emprender aquí un proxecto de vida: só traerá máis abandono e degradación”, din.

Nunha cosa si din estar dacordo cos ecoloxistas, cando dín que “algo se esconde”. “Porque algo se esconde nos intereses destas asociacións, que supostamente velan pola preservación do entorno. Se queren preservar o noso entorno, a nosa comarca, deixen que empresas como esta, que expoñen unha inversión millonaria, leven a cabo os seus proxectos dun xeito respectuoso e sostible”, suliñan.

Conclúen dicindo que “reservemos a nosa comarca, as nosas xentes e a economía local, e tamén a nosa natureza. Todo é compatible. E, quen diga o contrario, está escondendo un interese oculto”.

30 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.