Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CAMARIÑAS. Centos de persoas gozaron e aplaudiron os deseños exhibidos na pasarela da Mostra do Encaixe // VodaEncaixe ofrece todo o necesario para o casamento sen saír do recinto TEXTO J. M. Ramos

Moda con puntillas para todas as idades

A XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña reafírmase na volta á normalidade como un dos epicentros da Semana Santa en Costa da Morte. Centos de persoas pasaron xa polo recinto feiral no que amosan o seu bo facer palilleiras de nove países (Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Italia, Polonia, Portugal, República Checa, Suíza e España) e comparten o seu protagonismo cuns ateigados desfiles de moda nos que doce grandes deseñadores, ademais de noveis creadores e artesáns, están a presentar coleccións de moda para todas as idades.

O público asistente aos primeiros pases respondeu con sonoros aplausos os deseños de Amaya Fernández, Ana Cabranes, Devota & Lomba, Dolores Cortés, Edith del Valle, Esteban Freiría, Lalacó Atelier, Sara Lage, Jorge de Álvarez, María Campaña, K-Kou e Jose Matteos.

Non menos aplaudidos foron os nenos e as nenas que protagonizaron o desfile PeqEncaixe, ao igual que sucedeu cos primeiros pases de ArtEncaixe e cos das delegacións estranxeiras de encaixeiras, que demostraron asimesmo que as puntillas non coñecen fronteiras.

O pase de ArtEncaixe xuntou a creatividade de doce artesás galegos, as cales demostraron que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais. No desfile puderon verse as creacións de Ana Freiría (orfebrería artística), Charo López Atelier (complementos de moda), Estilo Aramar (complementos), Janet Schultz (tocados de noiva), Arteviares (artesanía en vidro), Mar Barral (laboratorio de ideas), Noelia Peña (xoieira de autor con deseños personalizados), Pilar Rodríguez En Lá (complementos textís), Suso Calo (artesanía en plata e talla) e Xelis Luaces (encaixe experimental e aplicacións). Tamén aportaron as súas pezas a Olería de Buño e a ONG Egueire.

Gran acollida está a ter tamén unha das novidades desta edición: o espazo VodaEncaixe, unha zona instalada no segundo pavillón e onde as parellas que o desexen poderán deseñar integramente o seu casamento sen saír do recinto. Neste recuncho os asistentes poden atopar, da man de empresas locais e do deseñador Jose Matteos, todo o que precisan para organizar unha cerimonia de voda: vestidos de Matteos Novias, vehículos de Alebura, a floristería Alecrín, que aplica encaixe nos ramos e en detalles de voda, os detalles de Agasalla Encaixe Agasalla Amor e a cobertura fotográfica da man de Diego Alonso Fotógrafo.

CERVEXA. No marco de actividades paralelas, este xoves presentouse tamén de xeito oficial a cervexa Serpent, creada polo empresario camariñán César de León.

A Mostra do Encaixe seguirá aberta ata o domingo, de 11.00 a 21.00 horas. Este venres haberá unha presentación literaria e un encontro de escolas infantís de palillo, ademais de novos desfiles de moda.

15 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.