Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
XORNADA. Ribeira acolleu un foro no que expertos chequearon os obxectivos e as oportunidades do sector // Rosa Quintana amosou o rexeitamento á pretensión de Bruxelas de vetar as capturas de fondo en 87 áreas comunitarias TEXTO Suso Souto

Modernización da flota e relevo xeracional, retos da pesca galega

A situación do novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA) e a nova Lei de Pesca foron dous dos principais piares das I Xornadas de Pesca de Ribeira celebradas este venres na Escola Náutico-Pesqueira da localidade e organizadas pola Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía. Un foro no que distintos expertos e representantes institucionais abordaron aspectos como os retos e oportunidades de dito fondo, a lei estatal de pesca sostible, a certificación das pesqueiras sustentables ou a estratexia europea de biodiversidade.

A subdirectora xeral de Sustentabilidade Económica e Asuntos Sociais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Silvia Solís, dixo que o obxectivo do Goberno central é aprobar o novo FEMPA antes de final de ano. Este fondo (que terá un investimento de 1.120 millóns) céntrase en catro prioridades: medio mariño, acuicultura, desenvolvemento local e gobernanza.

Héctor Villa, subdirector xeral de Caladoiro Nacional e Augas da UE do Ministerio, sinalou que a nova Lei de Pesca non é unha renovación total da de 2001, senón que “busca mellorar os aspectos da anterior e o ben común do sector”. A nova lei xa se aprobou no Consello de Ministros e agora iníciase a súa negociación no Congreso dos Deputados.

Antonio Basanta, director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, sinalou que “a lexislación comunitaria ten que ter consenso social” e que “a Estratexia de Biodiversidade 2030 non ten en conta moitas variables, o que trae consigo unha distorsión no sector”. “As medidas deben ser aplicables e asumibles”, engadiu.

Alberto Martín Aristín, responsable senior de pesqueiras MSC España/Portugal, dixo que o principal obxectivo desta ONG é certificar pesca sostible das pesqueiras na actualidade baixo os principios de sustentabilidade do sector, os impactos
no ecosistema e a xestión efectiva.

As xornadas foron clausuradas pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen subliñou que “o sector marítimo-pesqueiro aposta pola sustentabilidade na explotación dos recursos e é unha actividade fundamental, pois ofrece á sociedade alimentos da máxima calidade cunha baixa pegada de carbono e hídrica, como acreditan etiquetas como Pescaenverde”. Respecto á revisión da Política Pesqueira Común, a conselleira defendeu a importancia de que dea resposta ás necesidades do sector, facilitando o seu labor. Nesta liña, pediu “que todas as decisións de calado conten con informes serios e rigorosos que os avalen, para evitar situacións como a pretensión de Bruxelas de vetar a pesca de fondo en determinadas áreas de augas comunitarias” (en 87 áreas). “Galicia rexeita esta medida, que carece de estudos científicos que xustifiquen a súa aplicación. Causaría un importante prexuízo incluso a artes tan selectivas como o palangre”, engadiu.

Tamén puxo de relevo a transcendencia de que o sector poida acceder de xeito fácil ao FEMPA e dea resposta ás necesidades máis urxentes da frota. Entre eles, Quintana destacou a renovación dos barcos (tanto para mellorar a habitabilidade como para que sexan máis selectivos e respectuosos co medio ambiente) pois contribuirá a impulsar a renovación xeracional no sector”.

a protagonista
“É alarmante a redución das embarcacións”
María José Casais
Xerente da S. C. Galega do Mar Santa Uxía

María José Casais, xerente da Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía (organizadora das xornadas no marco do seu plan de produción e comercialización de 2022 para impulsar a actividade dos seus socios e a posta en valor dos seus produtos), dixo que esta entidade xa conta co certificado para pescar anchoa e que está en proceso de certificación da sardiña ibérica. Na súa intervención sobre as conclusións do foro celebrado este venres en Ribeira, Casais destacou a necesidade de fomentar o relevo xeracional no eido da pesca, e dixo que a redución da frota (que en España pasou das máis de 30.000 embarcacións rexistradas en 1987 ás 8.000 da actualidade) “é alarmante”. Tamén destacou o dato de que “a idade media das embarcacións é de vinte anos”.

Casais calificou de “gran éxito” as xornadas, que inaugurou xunto co alcalde, Manuel Ruiz.

{ a letra pequena }
Despacho sen vistas ao mar
Suso Souto

CADA VEZ que os técnicos ou os políticos se poñen a trazar dende Madrid ou dende Bruxelas proxectos que afectan á costa galega, aquí moitos poñémonos a tremer. Porque adoitan tomar decisións basaeadas en estudos e informes que, con ser o rigorosos que se queiran, non sempre pasan un trámite que debera ser obrigado: a consulta a quenes traballan no mar e viven nel, del e por el. Os que coñecen a realidade mellor que moitos técnicos, aínda que só sexa pola veteranía. Galicia ten de novo ante si unha ameaza: o veto á pesca de fondo en 87 áreas comunitarias. Outra vez, sospeito, a idea provén de quenes deciden dende despachos sen vistas ao mar. E, se as teñen, sería aínda máis grave, porque, nese caso, deberían mollar máis os pés.

09 sep 2022 / 17:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.