Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A LARACHA. As escavacións nunha das entradas e na croa deixaron á vista parte dos muros // Atopáronse pezas cerámicas decoradas e de bronce // A arqueóloga Puri Soto entende que foi un centro de distribución de mercadorías TEXTO Manuel Lavandeira

Montes Claros, un castro con conexións co Mediterráneo

As primeiras escavacións no castro de Montes Claros, ubicado na parroquia de Vilaño (A Laracha), xa permiten albiscar algúns dos segredos deste xacemento da Idade do Ferro.

Uns traballos que están a desenvolver os técnicos da empresa Terra Arqueos, baixo a supervisión da arqueóloga Puri Soto. Xa sacaron á luz parte dos muros de pedra e fixeron aflorar fragmentos de pezas cerámicas decoradas e de bronce.

A arqueóloga considera que agora están “na parte máis importante desde o punto de vista da investigación”. Tras enmarcar o castro de Montes Claros no “arco ártabro bergantiñán, das terras do río Anllóns, e no que vivían os ártabros, que destacaban por ser bos navegantes”.

Fixeron dúas calicatas de sondaxe para indagar sobre a especificidade do xacemento castrexo, a que a que se dedicaban os seus poboadores e a súa fase de ocupación. A este respecto, Puri Soto subliñou a máis que probable natureza viaria debido ao miliario achado nesta zona. Por iso, cre que este castro “foi un centro de distribución de mercadorías”, e a aparición durante esta primeira sondaxe dun fragmento de peza ibérica “garante que houbo comercio co Mediterráneo”.

Nestes primeiros traballos tamén apareceron pezas de cerámica decoradas que permitirán coñecer as vinculacións de Montes Claros con outros castros e áreas castrexas. Un dos aspectos que resalta a arqueóloga do castro larachés é a “enorme superficie” do asentamento.

Esta primeira fase da escavación comezou tras un longo proceso desenvolvido polo Concello da Laracha. Primeiro, procedeu a aprobación da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal para ofrecerlle a máxima protección a este e aos outros seis elementos dos máis importantes do patrimonio arqueolóxico municipal.

Despois, o Concello adquiriu os máis de 43.000 metros cadrados de terreos que conforman o castro e que están situados entre as parroquias de Vilaño e Cabovilaño. Nunha terceira fase a administración local levou a cabo un proceso de deseucaliptización, desbroce e limpeza ao longo dos últimos anos, e no que participaron recentemente os mozos do campo de voluntariado desenvolvido co apoio da Xunta.

Puri Soto valorou a “importante novidade” de que os terreos fosen adquiridos polo Concello e que as intervencións se leven a cabo baixo a xestión municipal.Tamén se felicitou polo acordo entre o Concello e a Dirección Xeral de Patrimonio que “garantirá o mantemento e o control da vexetación” durante os próximos meses, agardando “ter pronto visitas de escolares”.

Quen se achegue agora a visitar o castro, engadiu, atoparase cun “xacemento da Idade do Ferro de grandes dimensións e que está coidado grazas ás limpezas realizadas”, polo que a día de hoxe “é case un parque, con áreas limpas de afloramentos rochosos con petroglifos e que pode funcionar tamén como un miradoiro”, subliñou a arqueóloga.

O alcalde larachés, José Manuel López Varela, durante a súa visita ao xacemento mostrou a súa “ilusión por ver as primeiras escavacións no Castro de Montes Claros”, que se están a acometer “nunha das entradas e na croa”. Felicitouse porque co traballo realizado pola empresa Terra Arqueos, contratada polo Concello, xa aparecese material de interese, e adiantou que “a nosa idea é continuar desenvolvendo distintas campañas para ir sabendo o que esconde este recinto castrexo”.

Montes Claros é un dos elementos incluídos no catálogo de patrimonio municipal, do que forman parte tamén o Castro da Pena, Croa de Santa Baia, as Torres de Cillobre, os dous Fornos dos Mouros de Soandres e o menhir de Erboedo. Os terreos nos que se ubica este último son xa tamén de titularidade municipal, logo de que o pasado mes de xullo se completase o procedemento de expropiación. Adquiriu unha superficie de 4.651 metros cadrados, repartidos en tres parcelas catastrais e cualificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal como solo rústico de protección integral de patrimonio e solo rústico de protección forestal ou de montes co propósito de perservar o seu valor histórico e levar a cabo as actuacións precisas para favorecer a súa conservación e acondicionar os accesos ao xacemento.

O menhir, tamén coñecido como marco da Anta ou pedra do ghicho, foi incluído no Parque do Megalitismo. Está datado na Idade de Bronce, e trátase dunha pedra de granito groso, con vetas de cuarzo e feldespato, que alcanza os dous metros de altura. Na súa base posúe catro pedras a modo de calzos de apoio. Situado nas inmediacións do núcleo de O Loureiro, é o único exemplar deste tipo do que se ten constancia na Costa da Morte.

O goberno local impulsara o Plan Especial de Patrimonio Cultural (que supuxera unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM) precisamente co obxectivo de ofrecerlle a máxima protección a este menhir e aos outros seis elementos do catálogo e posibilitar a súa adquisición pola administración local para conservalos e poñelos en valor.


OUTRAS ACTUACIÓNS. Os concellos da Costa da Morte están a apostar con decisión nos últimos tempos pola posta en valor do seu patrimonio histórico. Ademais das iniciativas impulsadas polo Concello da Laracha, tamén cabe subliñar os proxectos de escavación levados a cabo nos últimos anos no Castro das Barreiras, de Vimianzo, igualmente por iniciativa municipal.

No xacemento castrexo da capital de Soneira xa se desenvolveron varias campañas, baixo a dirección do arqueólogo Tito Concheiro, as cales permitiron aflorar parte das vivendas do poboado e tamén da súa gran muralla. Os materiais achados están sendo obxecto de estudo para concretar toda a información que está a ofrece este importante castro.

Pola súa banda, o Concello de Malpica impulsou unha prospección da Croa do Castro de Cerqueda que, segundo o arqueólogo Carlos Otero, é unha “gran fortificación amurallada con vivendas circulares e camiños interiores” que se ergue nun outeiro desde o que se dominan os vales das aldeas próximas.

14 sep 2021 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.