Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A remodelada fachada marítima de Porto do Son segue mantendo a súa esencia e conservando sinais patrimoniais e de identidade da localidade // Dous dos seus emblemas son o hórreo da familia Lojo e o Cruceiro da Guitarra // Agora veñen de sumar un novo elemento co Espazo Secadoiro TEXTO María Cano

Monumentos que narran historia

As obras de humanización do bordo portuario de Porto do Son e a apertura da vila ao mar, creando amplas zonas para o desfrute dos veciños e veciñas, chegarán ao seu fin nas vindeiras semanas. Sen embargo, pese ao impresionante cambio de aspecto que sufriu nos últimos anos o paseo, continúa mantendo a súa esencia e conservando sinais patrimoniais e de identidade da localidade.

O monumento estrela é, sen dúbida, o hórreo da familia Lojo. Construído no ano 1871, segundo reza no dintel da súa porta, fálanos dun tempo no que o millo era vital nas economías campesiñas e parte importante dos ingresos dos rendistas. Labrado en granito, con catro pares de pés con tornarratos e pinches coroados por cadansúa cruz, “desde 1991 é ben de titularidade municipal en virtude de cesión dos antigos propietarios a cambio de licenza de construción no solar que ocupaba anteriormente”, comentou ao respecto o director do Museo Marea de Porto do Son, José Manuel Vázquez.

Na localización do hórreo estaba contemplada no proxecto a creación dunha pequena praza elevada en altura sobre o terreo para salvar os problemas existentes de accesibilidade no encontro coa estrada autonómica AC-550, polo que a imposibilidade de mantelo no lugar no que se atopaba decidiuse desplazalo ata o xardín portuario, onde se pode contemplar actualmente.

Xusto nese altar que se levantou sitúase o Cruceiro da Guitarra, o cal dá nome á praia e á zona na que se atopa. Este data a finais do século XIX e foi movido do seu emprazamento en máis dunha ocasión. “Segundo testemuñas orais o nome polo que é coñecido aludiría a unha pedra con forma dese instrumento musical xunto á cal se ubicou nun inicio”, explicou a mesma fonte.

De esbelto fuste octogonal e capitel decorado con motivos clásicos, remata coas imaxes do Cristo crucificado e da Virxe coas mans cruzadas sobre o peito.

E nestas últimas semanas sumouse un novo elemento á lista de símbolos do municipio situados na fachada marítima da vila: o Espazo Secadoiro, en recordo dos antigos secadoiros de peixe. Construíuse recentemente entre as rúas Montevideo e Trincherpe, xunto á Praza Porto. Trátase dunha estrutura de madeira que se destinará a exposicións temporais e pequenas actividades culturais, segundo adiantaron dende o executivo municipal.

Levantadas con grandes paus, xeralmente de piñeiro, para o secado dos aparellos de cerco, as estacadas foron elementos característicos da paisaxe da beiramar de Porto do Son desde o século XIX. “Como as pequenas varas onde se tendían as redes de xeito e, secundariamente, as pezas de lenzo coas que se confeccionaban as roupas de augas aceitadas que deron sona a este porto, ditas estruturas de madeira xa desapareceran na década de 1960”, sinalou José Manuel Vázquez.

Monumentos que son señas de identidade deste pobo coruñés que permiten a veciños e visitantes, a través do percorrido do seu remodelado paseo portuario, botar a vista atrás con elementos que invitan a sumerxirse na historia das súas xentes, nas súas costumes e labores.

02 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.