Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Instaláronse cubrecontedores de madeira tratada nos espazos máis céntricos e de maior valor patrimonial // Colocáronse tamén sinais informativos nos principais puntos de interese // A fin é embelecer e potenciar o turismo TEXTO Claudina Estévez

Moraña vístese de gala para ser máis actrativa aos visitantes

O concello de Moraña pode presumir dunha visible mellora nos seus espazos máis céntricos e turísticos. E é que o municipio viu impulsada a imaxe dos seus recunchos máis destacados e de maior valor patrimonial coa instalación de cubrecontedores de madeira tratada que foron cofinanciados pola Axencia Turismo de Galicia con achegas de preto de 65.000 euros nas duas últimas convocatorias. Así, o Concello aportou o 35 % do montante total, mentres que o Goberno galego se fixo cargo do 65 % restante en cada unha das dúas fases.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Moraña, José Cela, supervisaron este mércores a actuación de embelecemento, que supuxo un investimento global de 100.000 euros e ao abeiro do cal tamén se instalaron 34 sinais informativos en espazos de interese como carballeiras, igrexas, capelas ou enclaves naturais.

“Moraña ten numerosos espazos de gran valor nos eidos relixioso, arquitectónico, cultural, patrimonial, natural e turístico e facíase preciso reforzar a súa riqueza e mellorar a visualización por parte de veciños e visitantes, para o cal o Concello optou por unha gran solución técnica ao recurrir a infraestruturas de madeira que encaixan perfectamente con cada contorna”, explicou o representante autonómico, que engadiu que a iniciativa “contou cunha importante achega da Xunta tanto polo plantexamento do proxecto, que responde á perfección á liña de mellora turística que pretendemos implantar en toda Galicia, como polo noso compromiso coas necesidades, os investimentos e o progreso de Moraña”.

No marco desta dobre actuación, o Concello de Moraña recibiu 34.000 euros na convocatoria do ano 2019, que incluíu ademais de once cubrecontedores a colocación de 34 sinais informativos, e outros 30.000 euros na orde de axudas máis recente, coa que se instalaron oito illas de madeira para ocultar outros tantos puntos de depósito de residuos.

Deste xeito, mellorouse a imaxe de espazos emblemáticos ou de gran valor turístico tanto no casco urbano como nas zonas rurais e, entre os mesmos, figuran as carballeiras de Santa Lucía e Santa Xusta, a Casa da Cultura, a escola infantil autonómica, as capelas de Santa Margarida ou dos Milagres de Amil e igrexas como Lamas, Cosoirado, Rebón ou Gargantáns, entre outros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou para agradecer o importante “esforzo económico municipal” e puxo en valor que “as liñas de colaboración entre a Xunta e o Concello de Moraña permitirán ir dando cobertura e poñendo solución ás problemáticas do municipio e da veciñanza”. Grazas a esta actuación, recalcou Luis López, cando a xente de fóra visite o municipio poderá ver que o entorno está perfectamente adaptado. Algo que favorecerá ao municipio a nivel turístico.

Con esta segunda fase queda rematada a actuación de embelecemento e posta en valor da vila, que hai que lembrar, arrancaba en maio de 2019. Ano no que tamén se programaban roteiros polo municipio para facer máis atractiva Moraña aos visitantes e as súas xentes.

O PROTAGONISTA
“Teño que felicitar ao Concello”
Luis López
Delegado territorial da Xunta en Pontevedra

Luis López achegouse este mércores ata o concello de Moraña, acompañado do alcalde, José Cela, e a concelleira do equipo de goberno, María José García, para supervisar “as excelentes actuacións executadas por parte do goberno municipal en base a unha liña de axudas que quitou a Axencia de Turismo de Galicia”, explicou o representante autonómico. “Neste caso teño que felicitar ao equipo de goberno de Moraña pola excepcional solución técnica que deron a unha pequena problemática, que vén derivada do impacto visual que causan os contedores xunto a elementos de excepcional valor patrimonial, cultural e etnográfico”, dixo. “O que fixo o Concello foi dotar de cubrecontedores aquelas illas que teñen por todo Moraña en enclaves de especial importancia patrimonial. Iso vai reducir o impacto visual que causan”, sentenciou.

{ A OLLADA }
Valorar o que se ten
Claudina Estévez

En anos como os que vivimos é máis necesario ca nunca potenciar o turismo para contrarrestar un pouco a gravidade da situación para economía de todos os municipios. É por iso que nunca está demais facer un esforzo para investir, como no caso de Moraña, en embelecer os puntos máis atractivos da vila. É iso favorece por suposto a imaxe que emana para os visitantes, pero tamén aos propios veciños. Un esforzo no que participaron Xunta e Concello e que hoxe se traduce en cubrecontedores de madeira tratada que disimulan as illas que noutrora o municipio lucía nos puntos máis destacados da vila. Acabar co feísmo paisaxístico é dende logo un obxectivo a ter moi en conta si se busca potenciar a imaxe e os recursos propios.

19 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.