Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Pontevedrá acollerá ata o día 24 de outubro a exposición que pecha o programa Museo en Camiño // Mozas e mozos de Caldas, Valga, Pontecesures e Padrón colaboraron na iniciativa promovida pola Deputación e a Xunta TEXTO Avelino Arca

Mostra de traballos dunha rapazada que revaloriza o Camiño Portugués

O Museo de Pontevedra acollerá ata o vindeiro 24 de outubro a mostra que pecha o programa O Museo en Camiño con traballos feitos por rapazada de Caldas de Reis, Valga, Pontecesures, Padrón, Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes, Arcade e Barro no marco dos obradoiros homónimos organizados para poñer en valor o museo e o Camiño Portugués a Santiago.

A iniciativa, levada a cabo da man da Xunta, levou ás localidades do Camiño un “caixón viaxeiro” con réplicas de dez pezas consideradas esenciais para o Museo de Pontevedra: o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra Santa María dende A Caeira de Sobrino Buhígas, unha autocaricatura de Castelao, a obra O Mercado de Carlos Maside, A Terra de Manuel Torres, Santa Tegra de Lugrís, e Mulleres parolando de Luis Seoane.

En cada unha das poboacións traballouse en grupos de nenos e nenas con cada unha das obras xerando materiais e resultados diferentes: a partir da autocaricatura de Castelao a rapazada traballou o autorretrato, definíndose graficamente facendo un debuxo de si mesmos, e tamén mediante a escritura, facendo un pequeno texto no que caracterizarse; co Tesouro de Caldas falouse da xoiería e da maneira de traballar da época, e a rapazada fixo unhas xoias a partir de estaño , coas que primeiro traballaron graficamente facendo un deseño en papel que logo pasaron ao metal; co Retablo de San Acacio, “unha especie de cómic medieval”, fixeron unha historia en tres actos -tres viñetas- nas que contan unha historia espacial...

En cada lugar desenvolvéronse actividades diferentes intentando sorprender ás nenas e nenos participantes e cuxos orixinais resultados poden verse agora na instalación situada no vestíbulo de cristal do Edificio Castelao do Museo.

Na apertura da mostra, o director do museo destacou a satisfacción co resultado dos obradoiros, que definiu como suxestivos e atractivos. Subliñou que o de levalo fóra dos seus límites físicos converteuno nun “museo difuso” con presenza en diversos puntos do territorio atravesados polo Camiño. A través de actividades nas que a rapazada pode participar de xeito colaborativo establécense vínculos e afectos co museo, coa colección e o seu patrimonio, e dalgunha maneira, podemos cumprir un dos seus retos que é converterse nun elemento dinamizador e transformador da nosa comunidade”.

Pola súa banda, o xefe da área provincial de Turismo, Felipe Ferrero, subliñou que dende a Axencia de Turismo buscouse dar a coñecer o espazo museístico e tamén potenciar o Camiño como unha ruta cultural, turística e patrimonial que é importante que a xente moza vencelle coa poboación.

Finalmente, África Martinez, como representante do grupo impulsor do proxecto, formado por dúas entidades -Paspallás e Taller Abierto- en colaboración da Universidade coas profesoras Itziar Ezquieta e Begoña Paz do departamento de Didácticas Especiais, destacou a parte didáctica do traballo. Subliñou que se fixo unha panorámica co contido do museo dende a Prehistoria ata o século XX a través de actividades formuladas para chegar tanto ás crianzas como a persoas non familiarizadas coa arte.“A través da exposición pódense coñecer pezas moi importantes para o noso patrimonio cuxos orixinais están nas salas da colección permanente” explicou, sinalando que os traballos das e dos pequenos amosados na mostra do vestíbulo acompáñanse dun código QR no que se poden visualizar vídeos.

25 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Tui
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.