Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mulleres maiás, xalleiras e de Teo recuperan a memoria dos lugares

Trátase dun proxecto para o desenvolvemento local da consultoría Promove // As veciñas testemuñan a relevancia dos muíños, lavadoiros, fontes, ríos, burgas e mina

O Pazo da Peregrina amesán foi marco da presentación do proxecto A memoria dos lugares, onde varias asociacións de mulleres xuntaron esforzos a prol do desenvolvemento local a partir dunha perspectiva social, cultural e turística. A súa finalidade principal é a recuperación do legado dos espazos vencellados ás lembranzas e vida das persoas que os habitan.

Deste xeito, maiás coma Maruja, Carmen ou Nieves trasladaron a importancia da auga en Pedrouzos, Ames, e non só para dar vida aos muíños de Riamontes, senón tamén a fontes (como a de Agra Mentiña) ou lavadoiros, elementos de vital importancia para o desenvolvemento da vida diaria e a economía.

O XUGO. Carmen tamén relatou as súas vivencias sobre a vida e os traballos arredor dos muíños, o funcionamento e a importancia do xugo (instrumento de gran relevancia, xa que distribuía as augas a partes iguais). A súa vez, outra Carmen, esta de Teo, botaba a vista atrás sobre a pesca no O Xirimbao e os labradíos, ao tempo que Mercedes inmortalizaba o avance que no 1965 supuxo a construción do lavadoiro teense de Seoane e Amérixa referíase á burga. E por Santa Comba, foi Concepción a veciña que rememorou a dureza do traballos na mina de Varilongo; María falou da ponte de San Salvador e Clotilde dos muíños da Pereira.

A iniciativa foi posta en marcha por Promove, Consultoría e Formación SLNE, coa axuda da Deputación da Coruña a través do Programa de axudas para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural na provincia da Coruña, e entre outros fins quere axudar a redescubrir lugares e recursos turísticos por medio da ollada das mulleres que coñecen os lugares e os usos do patrimonio local, co fin de devolverlles vixencia e poñer en valor a identidade local e a defensa do patrimonio etnográfico e cultural da súa contorna.

Trátase dun proxecto realizado en colaboración con varias entidades, como Fademur, o GDR Terras de Compostela ou a patronal xalleira, así como os concellos de Santa Comba, Ames, Teo e Vedra no que participaron un grupo de mulleres de máis de 60 anos que pertencen a distintas entidades asociativas (a Asociación Cultural As Tres Aldeas, de Ames; a Asociación Teense pola Igualdade, de Teo; a Asociación Airiños do Xallas e a Asociación Cultural e de Mulleres Rurais Muíños da Pereira, de Santa Comba), coas que se mantiveron varias sesións de traballo nas que se recolleron os seus recordos da infancia e da adolescencia, das súas vivencias individuais ou colectivas que se documentaron en vídeos que se poden ver na web (memoriadoslugares.promoveconsultoria.com).

As edís amesás Luísa Feijóo e Natividade González presentaron parte dos vídeos.

31 mar 2022 / 22:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.