Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Muros avoga un ano máis pola protección e difusión da súa cultura mariñeira

Quintana participou na inauguración da edición número 17 das xornadas adicadas ó mar // Inclúe unha ampla proposta lúdica

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou este venres na inauguración das XVII Xornadas de cultura mariñeira Muros Mira ao Mar, onde puxo en valor o traballo que realizan todas as veciñas e veciños da vila a prol da protección e conservación do seu patrimonio material e inmaterial vencellado co mar.

A iniciativa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, naceu hai 17 anos co obxectivo de promover a cultura mariñeira a partir da longa tradición neste eido coa que conta Muros. Así, tal e como destacou a representante do Executivo autonómico, cada ano supón unha nova ocasión para afondar e divulgar o inxente acervo cultural marítimo a través da historia e da evolución da frota local.

A titular de Mar asegurou que este traballo en favor da recuperación e conservación do patrimonio mariñeiro é tamén compartido pola Administración autonómica e puxo como exemplo o convenio de colaboración asinado o pasado ano coa Universidade da Coruña (UDC) e a súa Fundación para o desenvolvemento do Plan da Cultura Marítima de Galicia. Horizonte 2030. “Un traballo co que estamos a definir os compromisos estratéxicos, as liñas políticas e as iniciativas da travesía de recuperación e posta en valor de todo o noso patrimonio marítimo”, indicou Quintana.

As xornadas Muros Mira ao Mar desenvólvense desde este venres ata o domingo e inclúen unha ampla proposta lúdica e cultural co ánimo de contribuír a engrandecer estas xornadas para locais e visitantes. Un mercado, concursos, charlas, visitas guiadas, travesías, varias exposicións, obradoiros, actuacións músicais e espectáculos de animación pola rúa son algunhas das actividades que conforman o programa.

09 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.