Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Muros e Carnota apelan ao consumo responsable de auga para previr unha seca estival

“Estamos en niveis preocupantes”, advirte o alcalde carnotán // A xestora do servizo activou unha campaña de concienciación

Os concellos de Muros e Carnota e a empresa Espina & Delfín, concesionaria do servizo de auga, fomentan o consumo responsable de auga coa campaña Está na túa man: pecha a billa cando toca.

O alcalde de Carnota, José Manuel Saborido, sinalou a este xornal que o consumo de auga está estes días “en niveis preocupantes”.

O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos veciños e veciñas desas dúas localidades da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos e anticiparse ás situacións de seca da época estival.

Esta mensaxe de sensibilización da poboación difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga e nas redes sociais de ambas entidades.

A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se rexistraron no pasado mes de xullo e que se agardan tamén para este mes de agosto teñen un considerable impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos galegos.

Para poder manter as reservas hídricas durante o período vacacional é imprescindible realizar un consumo eficiente da auga potable.

Actualmente, a capacidade dos embalses da Comunidade aínda presenta boas porcentaxes, pero o descenso é continuo. Na Confederación Hidrográfica Miño-Sil a reserva hídrica atópase actualmente nun 53,8 por cento e en Galicia-Costa nun 72,4.

Esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga, como por exemplo pechar a billa mentres cepillamos os dentes, ducharse en lugar de darse un baño, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.

Tamén hai que ter precaución con actividades típicas deste época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns.

Ademais, un bo consello para as persoas que marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda por prevención.

Espina & Delfín é o principal grupo galego que se ocupa do ciclo integral da auga, sector no que presta asistencia técnica, deseña, fabrica, constrúe e mantén infraestruturas diversas, ao tempo que xestiona servizos de abastecemento, saneamento e depuración. Como Muros e Carnota, multitude de concellos de Galicia e empresas públicas e privadas teñen contratados os citados servizos a esa firma, que tamén opera no mercado internacional.

Pero a ameaza do subministro de auga potable non é exclusiva desta zona de Muros-Noia. Tamén na comarca do Barbanza se acenden cada verán as alarmas polo exceso de consumo derivado do aumento da poboación na época estival. O pasado verán saltaron as alarmas en Boiro, especialmente en zonas altas como Fontenova, Trebonzos, Cimadevila ou A Preguisa, núcleos ós que a auga chegaba con moi baixa presión.

O depósito da rede de subministro tardaba varias horas en encherse e, cando o Concello quixo recurrir á traída do río Ulla, non lle foi posible dado que tamén o tiveran que facer xa os concellos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal.

SEN PROBLEMA EN BOIRO. Con todo, o alcalde boirense, José Ramón Romero, dixo que “de momento, este verán non estamos tendo problema co subministrio de auga”.

09 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.