Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Muros-Noia, a principal vía por mar cara Compostela

Apoio institucional a esta nova modalidade de peregrinación // Portosín recibiu o día 10 a Travesía Náutica Xacobea

A presenza, entre outras autoridades, da conselleira do Mar, Rosa Quintana; da directora xeral de Turismo, Nava Castro; o delegado provincial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, e da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, na recepción dos peregrinos chegados por mar a Portosín (O Son), constatou o apoio institucional a esta nova modalidade de peregrinación que, en palabras da conselleira, continúa cunha tradición iniciada polo propio Apóstolo Santiago e para a que non hai mellor homenaxe que “traer a todos os peregrinos do mundo a través dos diferentes roteiros do mar”.

A semana pasada arribou ao Real Club Náutico de Portosín a Travesía Náutica Xacobea que, tras partir do porto de Barbate (Cádiz) o sábado 28 de maio, recalou en Baiona o pasado día 10, facendo escalas en Cangas, Portonovo e Ribeira ata tomar terra finalmente en Portosín.

“A Travesía Náutica Xacobea únese así á Ruta Cabaleiro das Cunchas, con orixe en Portugal, á Ruta Rías Baixas, que este ano celebrará a súa segunda edición, e aos veleiros que en número cada vez máis crecente arriban a Portosín ou a Mariña de Muros para completar o Camiño por terra”, sinalaron dende a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia.

Neste sentido, destacan que “iniciativas privadas, como a da empresa Sailway, tamén puxeron os seus ollos nesta ría como porto final da súa navegación cara á tumba do Apóstolo”.

A presidenta de dita asociación, Teresa Villaverde Pais, aproveitou a oportunidade para poñer de relevo o valor desta nova fórmula de facer o Camiño que, “ademais de constituír un apoio decisivo ao desenvolvemento da náutica deportiva na comunidade galega, converteuse na modalidade de peregrinación que achega máis valor engadido á nosa economía e que xera os efectos máis positivos sobre os sectores da hostalería e a restauración”.

Teresa Villaverde rematou confirmando que o traballo segue e que, “tras a acollida entusiasta por parte de todos os medios de comunicación nacionais, a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia proseguirá cun labor de promoción que está a conseguir que Portosín e Muros convértanse en puntos de chegada dun Camiño marítimo do que todos estamos orgullosos”.

21 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.