Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CULTURA. Numerosas persoas achegáronse ata o Pazo de Goiáns para gozar das presentacións literarias, o xantar popular e o folclore tradicional // Os xardíns do histórico inmoble xa están abertos ó público como novo pulmón verde TEXTO S. Souto

Música, artesanía e gastronomía na Romaría das Letras, en Boiro

O rehabilitado Pazo de Goiáns xa é a gran casa da cultura e das artes de todos os boirenses. Despois de que o luns abrise as súas portas ó público por primeira vez, este martes foi o epicentro dunha exitosa Romaría das Letras do Barbanza, na que ó longo do día numerosas persoas gozaron da música e do baile tradicional, da gastronomía, da artesanía e da literatura.

A festa comezou ás once da mañá. O alcalde, José Ramón Romero, chegou acompañado do deportista Iván Raña (un dos pioneiros do triatlón en España), do escultor Cándido Pazos, e de Juan Carlos Lorenzo, empregado de Seur.

No interior do pazo instaláronse varios libreiros e artesáns da zona, entre eles un grupo de palilleiras e outro de mulleres que elaboran os tradicionais sancosmeiros. Ademais, tiveron lugar as actuacións de Esperanza Mara e do grupo Airiños. Un dos momentos máis emotivos tivo lugar cando dous nenos colleron cadansúa pandeireta e se puxeron a cantar diante das artesás, que os acompañaron entusiasmadas.

No exterior non faltaron o polbo e o churrasco, e tampouco a música e o baile tradicional, que chegaron da man dos grupos Abeloura, Xilbarbeira, Pedra da Aroña e Os da Porfía.

Tamén pola tarde se celebraron as presentacións literarias das obras O caso dos amantes de París, de Miguel Alonso, e Florencio Delgado Gurriarán: polos vieiros da saudade, de Héctor Cajaraville, organizadas pola asociación cultural Barbantia.

Pero a Romaría das Letras do Barbanza (que vai xa pola súa undécima edición) foi ademais unha excelente oportunidade para pasear polo espectacular entorno do pazo, que tamén se puxo en valor cos traballos levados a cabo polos alumnos e alumnas do obradoiro de emprego de xestión forestal. Un traballo que incluíu o acondicionamento da rede de camiños que permite gozar duns xardíns de 120.000 m2 de superficie que atesouran exemplares de gran antigüidade e de especies moi singulares, como unha camelia sasanqua e unha sobreira (de vinte metros), ambos de case dous séculos. Unha leira na que chegaron a cultivarse espárragos, melóns e mesmo garavanzos.

Queda pendente de celebrar diante do pazo o espectáculo Leira, da compañía Nova Galega de Danza, previsto para o pasado luns e que a choiva obrigou a aprazar sine die.

UNHA XOIA VERDE. E á espera de que o Concello decida, co asesoramento dun equipo de expertos, o uso cultural que lle vai dar ó histórico inmoble, moi pronto poderase volver visitar o seu interior, cando se dote dun servizo de atención ó público que permitirá facer visitas guiadas.

O que si se pode seguir visitando agora, durante o día, é a finca do pazo, convertida xa no novo pulmón verde público da localidade.

Unha xoia medioambiental que sempre estivo aí, pero en mans privadas ata que o Concello adquiriu a propiedade no ano 2010 e que, en todo caso, non se puido visitar ata que este luns se deu por rematada a ambiciosa rehabilitación do emblemático inmoble, que durou dous anos e medio.

CAPELA, POMBAL E LAGARES. Tras unha paréntese de máis de dúas décadas na que estivo sumido no esquecemento e na ruína, o Pazo de Goiáns recupera o seu esplendor. E aínda quedan novas e ilusionantes páxinas por escribir na súa nova etapa, porque o Concello está a buscar xa a financiación necesaria para continuar coa rehabilitación do resto das construcións anexas ó pazo, como o alpendre das cabalerías, a casa dos criados, a capela, o pombal, as cocheiras ou os lagares.

delegribeira@elcorreogallego.es

17 may 2022 / 15:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.