Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Música por un tubo: local de ensaio e reserva de grupos para os amesáns

Comisións e asociacións poden solicitarlle ao Concello a actuación de conxuntos profesionais, corais e agrupacións // Hai quendas ata o 10 de marzo e 30 de xuño

Os responsables e valedores das festas populares de Ames xa teñen aberto o prazo para solicitarlle ao Concello a presenza dos grupos musicais locais, segundo explican dende a Concellería de Cultura, con Natividade González á fronte. Ademais, existe un local de ensaio que recentemente foi mellorado, e que poden empregar os conxuntos deste municipio maián.

Así, xa se poden tramitar as actuacións das diversas agrupacións de música e baile tradicional, corais e grupos profesionais. A efectos de coordinación na tramitación desas concesións, establécense dous prazos de envío de solicitudes: para as festas que se celebren ata o mes de agosto, a data límite será o 10 de marzo, mentres que para os festexos que teñan lugar entre setembro e decembro, poderase mandar a petición de actuación ata o 30 de xuño.

Trátase dun trámite que deberá realizarse acudindo aos rexistros municipais do Milladoiro ou de Bertamiráns, e con esta liña de colaboración, o departamento de Cultura busca cooperar na celebración das festas e na súa organización, facilitando a labor do tecido asociativo e das comisións de festas, que deben ser quenes se encarguen de xestionar a petición.

Os interesados en realizar a solicitude deben dirixirse ao rexistro da casa do concello ou ben ás oficinas municipais do Milladoiro. Non se garante a tramitación nin a concesión das actuacións máis alá da data sinalada, e recoméndase que se remitan ditas solicitudes o antes posible, tendo en conta os prazos anteriormente indicados.

Así mesmo, recórdase que no caso de solicitar a presenza de grupos profesionais, as asociacións ou comisións de festas deberán aportar parte da produción (como o escenario, xerador, cátering ou camerinos, entre outros).

Melloras coas “suxestións dos usuarios” na sede A Factoría

Ames. O local municipal de ensaio en Ames, A Factoría de Biduído, reabre despois de estar pechado ao público para executar varias melloras no local. O obxectivo foi dotalo de mellor equipamento e que sexa máis acolledor para os usuarios que o empregan (pódese solicitar máis información no email xuventude@concellodeames.gal).

Realizáronse melloras en canto ao illamento exterior e equipamento interior, e a súa dispoñibilidade vai de luns a domingo, en horario de 10.00 a 22.00 horas. Máis polo miúdo, substituíronse dúas portas, unha ventá e revestíronse as fachadas este e norte. Do mesmo xeito, rotulouse, renovouse o mobiliario, adquiríndose un piano, novos atrís, amplificador de baixo e de guitarra, e renovouse outro, igual que a batería ou micros.

A concelleira de Xuventude, Escarlata Pampín, e maila técnica de dito departamento visitaron o local para ver como quedou tralas melloras feitas, apuntando a edil que “foron varias as actuacións que se levaron a cabo ao longo destes anos para mellorar A Factoría”, tendo sempre en conta “a opinión e as suxestións das persoas usuarias. É o seu local de ensaio e, polo tanto, son elas e eles os que mellor nos poden transmitir as necesidades”.

07 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.