Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Muxía establece vínculos con Holanda para promocionar o turismo e os produtos locais

O embaixador neerlandés visitou a vila da Barca // Interesouse por abrir vías de comercialización para o prezado congro seco

O embaixador dos Países Baixos en España, Jan Versteeg, realizou unha visita ao Concello de Muxía, onde foi recibido polo alcalde, Iago Toba, e ambos acordaron estreitar vínculos para a comercialización de produtos e potenciar o turismo entre o país neerlandés e a vila da Barca.

Así, avaliaron as posibilidades de promocionar a oferta turística de Muxía en Holanda, especialmente as posibilidades que ofrecen o Parador da Costa da Morte e as casas rurais do municipio. No que respecta aos produtos, Versteeg amosou o seu interese por estudar vías para exportar o prezado congro seco, un peixe que é un referente de Muxía, por ser a vila que acolle os únicos secadoiros que aínda seguen activos.

Ambos mandatarios abordaron tamén diversas cuestións relacionadas coa economía, a sociedade e a cultura, e fixaron unha folla de ruta para establecer relacións turísticas e comerciais no longo prazo.

Toba e Versteeg tamén tiveron tempo para conversar sobre a poboación holandesa afincada en Muxía. Moitos deles chegaron á vila da Barca despois de peregrinar polo Camiño de Santiago, e decidiron quedarse a vivir aquí. Ademais, segundo explicou o alcalde, “en Holanda tamén hai varias familias de Muxía que, décadas atrás, emigraron a ese país e moitos dos seus membros seguen alí”.

Amosou ademais “o orgullo de que un país referente en Europa como é Holanda poña o foco de atención en Muxía para potenciar o turismo e a comercialización de produtos entre rexións”.

Na mesa liña, Versteeg destacou o “agradecemento pola gran acollida recibida en Muxía” e celebrou o lazo de unión entre territorios.

Unha visita que, segundo explicou o rexedor, partiu do propio embaixador, que tiña constancia de Muxía por ser un dos concellos aos que o seu país enviara axuda durante a catástrofe do petroleiro Prestige, “e tiña curiosidade por coñecer o noso municipio”, afirmou Toba.

A xornada comezou cunha recepción oficial na casa consistorial por parte do alcalde. No encontro intercambiaronse obxectos tradicionais. Versteeg fixo entrega dunha peza de porcelana típica de Holanda, e Toba, en nome do pobo de Muxía, entregoulle unha réplica do santuario da Virxe da Barca. Despois visitaron o monumento A Ferida, que representa o sufrimento provocado polo Prestige, e o templo mariano da Barca.

19 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.