Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Muxía recuperou o abastecemento de auga en trece horas

Descoñécese cal foi a causa da contaminación da rede // Seguirán facendo controis exhaustivos

Despois dunha intensa xornada de traballo por parte dos técnicos municipais e da empresa contratada polo Concello, o servizo de abastecemento de auga potable a Muxía quedou restablecido na madrugada do sábado (1.30 h.), trece horas despois de que tivese que ser cortado debido á detección de dúas bacterias en niveis por enriba dos normais, e que se baralla que puideran ser as causantes da brote de gastroenterite que afectou a decenas de veciños.

Polo momento, descoñécese cal foi a causa que propiciou esa contaminación. Barállanse varias posibilidades, dende un verquido puntual ata un fallo na cloración, “pero son só hipóteses”, afirma o alcalde, Iago Toba, quen asegura ademais que “tampouco se pode certificar que o brote fora causado por estas bacterias, pois hai xente que non consumíu auga da traída, e noutros concellos tamén está habendo bastantes casos de gastroenterite”.

Non obstante, engade, “o importante é que xa poidemos recuperar o servizo e as primeiras análises ofrecen uns resultados que avalan que xa non existe contaminación na rede”. Nos vindeiros días e semanas seguirán facendo controis exhaustivos para garanter que a auga é totalmente potable. De momente, engade o rexedor, “por precaución pedimos aos veciños que non fagan un consumo excesivo”.

Respecto ás críticas do PP, Iago Toba asegura que “ante un problema de saúde público, non todo vale”, e di sentirse satisfeito da xestión realizada porque “todos os pasos dados e as actuacións que levamos a cabo foron avaladas e apoiadas pola Consellería de Sanidade, coa que estivemos en contacto e permanente e sentínme moi cómodo traballando con eles e cos técnicos da empresa contratada, que tamén traballa para a Xunta de Galicia”.

Di entender o malestar ocasionado polo corte de subministro durante máis de trece horas, pero “estabamos ante un proceso bastante grave, e os perxuizos ocasionados están xustificados por unha causa maior, que é a saúde”. Por iso, di que “se con este proceder evitamos que outras persoas poidesen sufrir gastroenterites xa me dou por satisfeito, e teño moi claro que non hai cama máis cómoda que unha conciencia tranquila, e a miña o está”.

Asegura ademais que o feito de cortar o subministro “permitiunos traballar ao mesmo tempo e de xeito simultáneo nos tres depósitos, que foron vaciados e desinfectados, seguindo en todo momento os protocolos dos técnicos especialistas e dos responsables de Sanidade, que confiaron plenamente nas decisións que fomos adoptando”, afirma Toba.

Agradece tamén a profesionalidade, o esforzo e a dedicación amosada polos operarios municipais e da empresa contratada, así como da Policía Local, “que estiveron traballando todo o día sen descanso polo ben común”.

03 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.