Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Muxía sae en defensa dos secadoiros de congros por ser un emblema desta vila

O alcalde reuniuse co propietario do único que seguía activo e que vén de ser clausurado // “Non imos permanecer quedos”, asegura

O alcalde de Muxía, Iago Toba, saíu en defensa dos secadorios de congros como “emblema da nosa cultura e tradición” e por ser parte “do patrimonio local que debemos de coidar e protexer”. Asemade, este xoves mantivo unha reunión con Juan Diz, propietario do único que aínda está operativo e que vén de ser clausurado por unha orde de Sanidade, para transmitirlle o apoio do goberno local. “Non imos permanecer quedos ante esta desfeita”, di.

Toba asegura que dende hai un tempo “estamos asistindo a un desmantelamento da forma de vida da costa. Normas e prohibicións que dan as costas aos oficios tradicionais e baseadas só nunha total insensibilidade e descoñecemento do que é a nosa vida”. Máis aló de ser un medio de vida para esta familia de Muxía, o rexedor di que estes secadoiros son un atractivo turístico, “e dende o Concello podemos asegurar que hai un número de chamadas inmenso preguntando por eles, e as actividades e visitas guiadas levadas a cabo nos mesmos sempre foron un éxito”.

Defende unha oferta turística de calidade que ofreza experiencias “que vaia máis aló da terraza e da praia, pois non queremos ser unha franquicia de Benidorm”. Pregúntase, “que mellor experiencia que visitar un secadoiro de congro, coñecer a historia, ver como se manexa o peixe, escoitar vivencias do mar relacionadas coa pesca e rematar degustando este manxar, nun lugar de natureza fermosa e a pé do océano?”.

Considera que é o “descoñecemento e a insensibilidade a que nos trae ata o punto no que estamos”, e rexeita tamén as formas pois non entende como se lle pode pedir “a un artesán que tire toda a produción que fixo coas propias mans, con moitas horas de esforzo e con gran sabedoría”. Esta xente, afirma, cando traballan o congro “están honrando aos seus antepasados, e fano cunha técnica exquisita, todo un arte”.

Como alcalde di sentirse indignado por “este atentado non só a unhas familias, senón tamén a un oficio que forma parte da nosa historia e da nosa identidade. O secado do congro, xunto co encaixe, aguntaron das familias e deron esplendor a unha Muxía que en tempo de inverno non podía vivir da pesca pois os temporais abondan e o nordés bate forte”.

Apela a buscar fórmulas que fagan sostible a modernidade e a tradición, e pide apoio para os mozos e mozas que respectan o legado familiar e que non renegan da súa tradición mariñeira”. “Non llo poñamos máis difícil do que xa é loitar para manter un produto así na economía global e capitalista”.

Por iso pide as administracións competentes que “se poñan a traballar para buscar alternativas” porque “non falamos de malas prácticas, senón dun secado ao aire que ten que ser así porque é a forma tradicional de curar o piexe, como o foi o afumado e o salgado, e como algo especial debe tratarse”. E as cabrias, engade, deben permanecer porque son “uns prodixios da arquitectura rural”.

Ironiza asemade co feito de que “en terreos de todos están tamén os percebes, e non pode vir Sanidade e diricirlle que non deben estar aí porque é terreo exterior”.

18 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.