Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nace a carón do río Te a Ruta do Apego, interactiva e para facer sendeirismo en familia

Dez puntos informativos con códigos QR dan acceso a contidos educativos sobre os recursos naturais e patrimoniais de Rianxo

O Concello de Rianxo inaugurará este mércores a súa primeira Ruta do Apego sinalizada e interactiva, de 1,3 quilómetros de lonxitude, ideada pola asociación Avoar en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística.

Con este itinerario preténdese crear un espazo de lecer nun contorno natural para o desfrute das crianzas e as súas familias. A ruta conta con dez puntos informativos onde, a través dunha serie de códigos QR, as persoas que se animen a percorrela poderán acceder a contidos educativos sobre os recursos naturais e patrimoniais de Rianxo: fragas, bosques de ribeira, muíños... Toda esta información acompáñase dunha serie de audios que conteñen cancións, lendas, contos e xogos. O que se busca é que as familias poidan realizar unha ruta activa de sendeirismo coas crianzas á vez que aprenden, practican a lingua galega e se divirten en familia.

A ruta infantil polo río Te dispón de contidos educativos que se poderán consultar empregando un dispositivo móbil. Tamén conta cun espazo dedicado á promoción do turismo e do lecer familiar neste concello barbanzán.

Os contidos da ruta poden consultarse previamente na páxina web que elaborou o Concello (https://rutadoapego.rianxo.gal/). Nela recóllese a información previa necesaria para facer a ruta con garantías: como chegar, onde aparcar e recomendacións xerais, así como os contidos aos que se accede a través dos códigos QR dispostos nos diferentes puntos sinalizados.

Ademais, a páxina web conta cun videoxogo da Ruta do Apego de Rianxo, onde o polbo Po, mascota do Programa Apego, percorre o río Te e se atopa con moitos amigos curiosos. Na elaboración desta iniciativa, a asociación Avoar contou coa colaboración musical de José Luis do Pico Orjais, coa voz de Xesús Santos e co testemuño de Manuel Deira, último habitante do muíño de Francuín.

O trazado procura, ademais, animar o turismo familiar no municipio. De aí que unha das seccións da web recolla todas aquelas actividades que se poden realizar con crianzas en Rianxo. Coa colaboración do Servizo de Turismo seleccionáronse lugares para visitar, para ficar a durmir, para comer, para comprar xoguetes, libros... Todo coa idea de gozar dunha experiencia agradable coas crianzas neste municipio.

Con isto, a actividade vincúlase ao programa de dinamización lingüística no tecido socioeconómico lanzado baixo o lema En Rianxo, ao noso xeito, no que participan máis de 50 empresas locais.

O Programa Apego de Rianxo desenvólvese desde a concellería de Benestar, Igualdade e Diversidade en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, que nesta temporada pandémica viuse obrigado a cancelar as actividades do Espazo Familiar, onde o encontro e a interacción entre crianzas e persoas coidadoras era o eixe vertebrador de toda a súa acción dinamizadora.

Co fin de seguir ofrecendo experiencias interesantes e, sobre todo, seguras desde o punto de vista da saúde, creouse esta ruta sinalizada e interactiva. Logo de meses en que o espazo familiar se reduciu ás propias casas, a creación de espazos abertos e naturais de convivencia familiar considerouse unha prioridade por parte do executivo.

A ruta será inaugurada hoxe ás 11.30 horas no lugar de O Torreiro polo alcalde, Adolfo Muíños; as concelleiras de Educación e Normalización e de Benestar, Igualdade e Diversidade, Adelina Ces e Hadriana Ordóñez, respectivamente, e unha representación das persoas que participaron na elaboración da ruta: David García, da asociación Avoar, José Luis do Pico, Xesús Santos e Manuel Deira.

11 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.