Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nega o goberno de Muxía que houbera plaxio na campaña do congro en Fitur

Din que o vídeo que se presentou en Madrid foi cedido por Elaboraciones Lemar

Muxía. Ante as críticas recibidas por un prexunto plaxio na campaña reivindicativa e cultural Muxía, a maxia do congro, presentada en Fitur, o goberno local e os xerentes do secadoiro de congro afectado lamentan o “ataque infundado e inxusto para desprestixiar esta exitosa iniciativa que xira en torno ao arte e a cultura que rodea ao congro”.

Así, o Concello de Muxía desvincúlase “de calquera tipo de plaxio ou copia do logotipo”, inspirado unicamente no esqueleto do peixe e nas ondas do mar da vila da Barca. Ademais, o vídeo promocional proxectado contou coa cesión da empresa privada propietaria do mesmo, Elaboraciones Artesanales Lemar.

Esta campaña, que puxo en valor nun escaparate internacional un produto que é un dos sinais de identidade da vila muxiá, "ten o único obxectivo de enxalzar e situar no mapa o arte e a cultura que rodea a congro", afirman.

Muxía, a maxia do congro é unha campaña promovida polo Concello que consiste no acordo cos dous únicos secadoiros de congro que existen no mundo, e coa que se pretende seguir difundindo a historia e tradición de Muxía a través do secado de congro.

A empresa privada propietaria do vídeo e do logotipo confirmou, segundo o executivo muxián, a cesión do audiovisual e agradecen “a posta en marcha desta gran campaña tan beneficiosa para o noso sector e valoramos moi positivamente que se expoña esta proposta a nivel internacional”, engade o alcalde, Iago Toba.

Carla Castro e Javier Lema, xerentes de Lemar, mostráronse “sorprendidos” por este ataque “inxustificado” xa que “esta campaña só trae cousas positivas e lonxe de ser unha copia é un impulso para o noso sector e oficio. Ogallá houbese máis gobernos que apoiasen tan directamente os nosos negocios”, engade.

Desde o goberno local confirman que “tamén se comunicou previamente a proposta que íamos levar a Fitur a Miguel Diz, xerente do outro secadoiro de congro da vila”.

O alcalde de Muxía, Iago Toba, expuxo que “facer política é algo máis que atacar sen fundamentos e desde o anonimato unha iniciativa que tan só pretende poñer en valor un oficio e un produto con tanta historia e tradición na nosa vila”. Ademais, engadiu que “a día de hoxe ninguén sabe quen está detrás de Muxía enfurecida e creemos que este ataque infundado e inxusto vén ante a falta de candidatos firmes na oposición, que unha vez máis actúan desta forma para desacreditar ao goberno local”.

“Consideramos que se poden facer grandes promocións, empregando boas ideas e optimizando recursos, por tanto esta campaña é dobremente frutífera, porque causou gran repercusión e xerou cero gastos para as arcas municipais”, destacan desde o executivo local.

Promoción e posta en valor do oficio e do produto

A través da iniciativa Muxía, a maxia do congro, o Concello promocionará o oficio con demostracións periódicas gratuítas para as persoas visitantes e para a veciñanza facendo que os propios secadoiros se convertan nun centro de difusión do secado deste peixe e da historia.

24 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.