Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Negreira nomea Fillo Predilecto a Andrés Barbazán e Adoptivos a Carmen e Amador

O auditorio acolleu o emotivo acto // O historiador Amancio Liñares foi o encargado de repasar a traxectoria dos homenaxeados // Juan María Arzak é o novo Hóspede de Honra do Concello

O Concello de Negreira foi este sábado o escenario dun emotivo acto para nomear, a título póstumo, a Andrés Barbazán Ferreiro Fillo Predilecto, e a María del Carmen Álvarez de Ron Riopedre e Amador Rodríguez Troncoso Fillos Adoptivos. O acto celebrouse no auditorio Afonso Eanes do Cotón e o historiador local Amancio Liñares foi o encargado de repasar a traxectoria dos homenaxeados. Juan María Arzak é o novo Hóspede de Honra do Concello de Negreira, pero recollerá a distinción o luns, xa que non puido desprazarse.

Na súa intervención, o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, lembrou que “concellos como o de Negreira non son máis que as persoas que viviron aquí durante a súa historia. Son os veciños e veciñas os que coa súa pegada ao longo do tempo foron creando a nosa idiosincrasia, o noso carácter como pobo”. “Algunhas desas persoas convértense en referentes colectivos por traxectorias que trascenden do privado, por formas de ser, traballos, accións ou iniciativas cun forte impacto social e no conxunto da veciñanza. É o caso de María del Carmen Álvarez de Ron Riopedre, Mita, Andrés Barbazán Ferreiro e Amador Rodríguez Troncoso, dende hoxe Fillos Adoptivos e Predilecto de Negreira”.

María del Carmen Álvarez, Mita, desenvolveu un traballo fundamental na reivindicación do traballo da muller rural, imprescindible no desenvolvemento social e económico de Negreira. Andrés Barbazán traballou dende a parroquia de Logrosa como escultor durante décadas, inmortalizando en moitas das súas obras a esencia de Galicia e dos galegos. Pola súa parte, Amador Rodríguez Troncoso forma tamén parte da historia de Negreira pola súa implicación na concentración parcelaria da Barcala e na creación de Feiraco.

“Carmen, Andrés e Amador formarán parte para sempre da historia de Negreira, e estou convencido de que para eles non habería maior recoñecemento. As súas vidas e o que fixeron por Negreira foron moi importantes para fortalecer algo que estimo fundamental: o sentimento de pertenza”, dixo o alcalde.

23 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.