Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Medio Ambiente. Quince anos despois, veciños de Pasarela e Traba, apoiados por diversos colectivos, volveron alzar as súas voces en defensa da agora Paisaxe Protexida // Rexeitan os proxectos eólicos que ameazan a contorna // Reivindican un modelo de desenvolvemento máis sostible TEXTO José M. Ramos

Nin canteira nin eólicos nos Penedos

Unhas duascentas persoas marcharon a pé este sábado ata os Penedos de Pasarela e Traba para facer oír as súas voces, como xa o fixeran hai quince anos, na defensa das multiformes pedras graníticas que conforman a Paisaxe Proxetida, tal e como foi declarada a súa contorna hai nove anos pola Xunta de Galicia.

En 2006 a mobilización social estivo motivada pola pretensión de abrir unha canteira nos Penedos, e agora, ao pé da ferida deixada nas rochas por aquelas prospeccións, veciños e veciñas de Traba e Pasarela, co apoio de distintos colectivos, unidos baixo a plataforma Salvemos Os Penedos, rexeitaron os dous proxectos eólicos que ameazan con encher de aeroxeradores este espazo natural de Laxe e Vimianzo.

O xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní sumouse de novo á reivindicación, como xa o fixera o pasado 22 de maio con motivo do encontro musical e poético celebrado na mesma contorna, e afirmou que “estamos ante una paisaxe na que non houbo necesidade de leis nin de nada para que permanecera tal e como está cen millóns de anos, que é moito tempo”. Asegurou que o valor das paisaxes está no feito de que “nos permiten reencontrarnos cos nosos fillos, netos e os seus descendentes ao longo de millóns de anos”, algo que non será posible “se esas compañías veñen colonizar con canotos eólicos os nosos montes”, dixo.

Sinalou ademais que hai xente enganada que pensa que “o mundo está en crise e precisa ir por fontes de enerxía limpas e inagotables. A única é a do sol, da que só estamos aproveitando entre un dous e un tres por cento, e se se aproveitase o 10 % non teríamos necesidade de nada, nin sequera deses muíños de vento”.

No acto interviron tamén José María Rocha, presidente da Asociación de Veciños de Pasarela; Nuria Kolb, membro da Asociación Calo Rural, especialista en Xestión do Patrimonio, Museos e Mercado da Arte pola USC; Xosé Vázquez Lavandeira (veciño de Matío), mestre xubilado, poeta e especialista na toponimia do Concello de Laxe; e Gala Cernadas, filla, neta e bisneta de Pasarela, que animou a xornada coa música do seu violín.

A escritora e profesora Rosalía Fernández Rial pechou o encontro coa lectura do Manifesto en Defensa dos Penedos, botando man da poesía e do ecofeminismo. “Debemos preguntarnos se estamos do bando da vida e da biodiversidade ou ben da morte, dos intereses do capital e o patriarcado, dos fertilizantes, a violencia e as amputacións”, indicou a autora na súa intervención.

Subliñou que os Penedos de Pasarela e Traba ofrecen “unha panorámica privilexiada, un cinemascope que nos equilibra e nos outorga pausa, dan a satisfacción de vivir ao aire libre”. Defendeu ademais que é posible “outro modelo máis sostible, dende o local, como é o turismo rural, pois a xente vén a este lugar pola súa singularidade”.

O portavoz da plataforma Salvemos Os Penedos, Xan Fernández Carrera, amosou a súa satisfacción pola boa resposta da cidadanía, “que quere conservar os Penedos e seguir vivindo nas súas aldeas”. Agradeceu tamén a colaboración de Protección Civil e da Policía Local.

12 jun 2021 / 19:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.