Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

No aire o futuro do servizo de basura en Serra do Barbanza

Os traballadores piden que se manteñan o sistema e os postos // O comité de empresa solicitou unha reunión coa mancomunidade

Despois de que o comité de FCC, empresa concesionaria da planta de residuos de Lousame, se concentrase a semana pasada en Porto do Son con motivo da xunta extraordinaria da mancomunidade da Serra do Barbanza, continúan á espera dunha reunión para aclarar o seu futuro.

Coa protesta, os traballadores e traballadoras amosaron a súa preocupación ante diversas filtracións que apuntaban a un posible cambio no modelo de xestión e o seu impacto no emprego.

Na asemblea produciuse unha remuda á fronte da mancomunidade, pois remataba o mandato de Luis Oujo, alcalde de Porto do Son do PP. Corresponderíalle substituílo ao socialista Pablo Lago, rexedor de Brión, pero como aduciu motivos persoais para non asumir a responsabilidade, recaeu no seu compañeiro de partido, Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota.

Desde CCOO do Hábitat agradecen “que a mancomunidade aceptase recibir a representación legal dos traballadores, tanto antes da xunta extraordinaria como ao remate”, indican dende o mencionado colectivo.

Segundo CCOO do Hábitat, a mancomunidade manifestou que, polo momento, non pediu estudo ningún para cambiar o modelo de xestión. Non obstante, Juan Manuel Saborido xa confirmou que, rematando a concesión de FCC no 2023, cabería a posibilidade de prorrogar a concesión ata cinco anos -o máximo permitido pola lei- período no que si se poderían estudar outros modelos que fagan viable a planta e garantan estes postos de traballo.

Desde o comité de empresa pediron unha xuntanza formal co novo presidente nos próximos días para poder dar certezas sobre unha planta que dá traballo a case cento corenta persoas.

Uns traballadores nos que medra a inseguridade e que o único que pretenden é aclarar a situación e blindar o seu futuro. Ángel Brantuas, presidente do comité, afirmou que “agora mesmo a nosa preocupación é saber que vai pasar porque finaliza o contrato en setembro de 2023 e é un pouco a incerteza de que vai ocorrer”. “Nós queríamos que se fixeran uns pliegos novos e que saíra a licitación”, añadió.

Brantuas tamén destacou a importancia de garantir “o modelo de separación en orixe co que estamos traballando aquí, co cal se separa o orgánico e o inerte, cuxa selección se fai manual”. “Está dando postos de traballo, tres turnos de triaxe, nunha comarca na que non hai moito emprego, polo que telo é importante”, argumentou.

Por último, o presidente do comité, salientou que se trata dun sistema de compostaxe “que está funcionando, onde as marxes de porcentaxe son superiores”. Por todo, solicitan que “se aposte” por el e que se “garantan os traballos da xente que estamos aí”.

23 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.