Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Actuarán artistas de Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña, Polonia e Galicia // Inclúe a primeira edición dun concurso de composición dotado con dous mil euros TEXTO Suso Souto

Noia abre este mércores o festival internacional de arpa

A vila de Noia transformarase dende este mércores nun gran escenario para a música instrumental. Comeza a novena edición do Noia Harp Fest, o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como protagonista a arpa.

Xunto a artistas de Galicia participan outros chegados de Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña e Polonia.

A directora de Turismo da Xunta, Nava Castro; o edil de Cultura noiés, José Pérez; e o director do festival, Rodrigo Romaní, presentaron a programación, que inclúe os concertos de Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio, Anna Amigó, Trío Clepsidra e Bleuenn le Friec. O público poderá gozar das actuacións tanto a ceo aberto como no interior de recintos culturais da vila de xeito gratuíto (a igrexa de Santa María A Nova, o Coliseo Noela e a Praza do Tapal).

Ademais, este ano convócase a primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha aposta innovadora por ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O título do premio fai referencia á ruta xacobea recoñecida recentemente polo Cabildo da Catedral de Santiago, un Camiño marítimo utilizado desde 1147 e que parte da vila noiesa.

O galardón, cunha dotación económica de 2.000 € para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia na tempada 2022-2023. O prazo para a presentación de propostas está aberto a través da web www.noiaharpfest.gal.

A veciñanza tamén poderá gozar das clases maxistrais con artistas que participan no festival. O primeiro taller será este xoves 4, da man de Reyes Gómez, arpista do Trío Clepsidra, que abordará a música española para arpa. O venres será a quenda do curso sobre a arpa paraguaia actual, con Juanjo Corbalán, un dos membros do recoñecido dúo Hermanos Corbalán. Finalmente, o sábado 6 chegará o taller doutro dos pratos fortes desta edición: Savourna Stvenson, quen impartirá un obradoiro de música para clarsach, un tipo de arpa escocesa.

Este ano o festival tamén propón un obradoiro de construción, en familia, da arpa de San Martiño de Noia. Nesta actividade, sen límite de idade, os participantes aprenderán a montar e personalizar a súa propia arpa, baseada no instrumento central da arquivolta do pórtico de San Martiño de Noia. O luthier Luis Martíns (especialista en arpas antigas e barrocas, responsable da recreación dos instrumentos da arquivolta do templo) será quen imparta este curso, no que se empregarán técnicas e materiais actuais.

A dirección do festival reunirase este venres con representantes doutras citas arpísticas europeas: Tajana Vukelic, do Zagreb Harp Festival de Croacia, e Raoul Moretti, do Arpe del Mondo, de Cerdeña.

delegnoia@elcorreogallego.es

02 ago 2022 / 17:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.