Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Noia activa dous programas de mediación intercultural e asesoramento a estranxeiros

Atenderá de maneira integral e gratuíta a migrantes, refuxiados, asilados e retornados // Prestaralles apoio ante calquer trámite

A tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais de Noia, María Luísa Villar, asinou un convenio de colaboración co presidente da ONG SenValos, José Francisco Hurtado, co fin de poñer en marcha dous programas de inclusión social de persoas inmigrantes residentes no concello: un de mediación intercultural e outro de asesoramento técnico especializado en materia de estranxeiría.

Van dirixidos a persoas nalgunha situación de migración e en risco de exclusión social, como migrantes en calquera situación administrativa, solicitantes de protección internacional, refuxiados ou asilados, mulleres migrantes en especial situación de vulnerabilidade ou emigrantes retornados.

Prestarase o primeiro e o terceiro mércores de cada mes, en horario de 10.30 a 15.00 horas, no departamento de Servizos Sociais, sito na rúa do Curro, 4. Solicitarase cita previa no teléfono 981 828 011 ou a través do email inclusion.noia@gmail.com.

O programa de mediación intercultural ten por obxectivos ofrecer intervención de detección de necesidades sociais; mediación nas administracións públicas e acompañamento social; acceso aos recursos, cuxo obxectivo xeral sería o de mellorar o acceso da poboación migrante aos recursos sociais públicos e privados e facilitar a comunicación; apoio aos profesionais da intervención social, con dedicación especial aos traballadores sociais e outros técnicos de Servizos Sociais; participación social e cidadá neste campo co fin de favorecer, potenciar e incrementar a presenza e participación das persoas de orixe estranxeira na vida social e pública de onde resida; e a mediación comunitaria (convivencia intercultural), con actuacións de sensibilización.

En canto ó servizo de información e asesoramento xurídico de estranxeiría, será gratuíto e ofrecerá atención especializada e individualizada que permita o acompañamento e apoio á persoa estranxeira durante todo o proceso da súa regularización administrativa ou na situación pola que o solicite.

Abrangue, entre outras cuestións, o asesoramento e apoio específico na tramitación e presentación de recursos, autorizacións de residencia e traballo, renovacións e modificación das mesmas, reagrupación de familiares, réxime comunitario, Lei de Emprendedores, visados, estancias por estudos, réxime matrimonial, etc.; na solicitude de nacionalidade e nos procedementos de protección internacional, asilo e refuxio e apatridia; no caso de procedemento administrativo sancionador de expulsión, especialmente na preparación dos escritos de alegacións, recursos administrativos, etc., así como en calquera outra defensa xurídica nos diferentes procedementos en vía administrativa; e en temas específicos en materia de estranxeiría (trata de persoas, menores, violencia de xénero, estranxeiros/as en centros penitenciarios, retorno, homologacións de títulos ou xestión de documentación), familia, consumo, vivenda, etc.

Asimesmo, realizaranse o acompañamento das persoas interesadas nos trámites perante as administracións públicas e as derivacións á quenda de oficio para a asistencia xurídica gratuíta en determinados procedementos xudiciais, así como a outros servizos especializados.

comarcas@elcorreogallego.es

06 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.