Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
musealización. Personaxes como o almirante Luis Cadarso, o grumete Antón, a armadora Carmen Pérez, o explorador Sebastián de Ocampo ou o mítico Noé exercerán de guías virtuais no Museo do Mar // Terá o primeiro videomapping permanente instalado nunha área arqueolóxica en Galicia TEXTO S. Souto

Noia, da lenda á historia, en cómic

No Museo do Mar de Noia, a empresa encargada da súa musealización apura os traballos para que o inmoble, rematado xa en agosto de 2020, poida recibir visitantes nos vindeiros meses. E, grazas ás novas tecnoloxías, os guías do museo serán personaxes lendarios e históricos vinculados á vila. Personaxes como o almirante Luis Cadarso, a armadora Carmen Pérez ou o grumete Antón volverán cobrar vida por obra e gracia do cómic para guiar ós visitantes.

Será o primeiro videomapping permanente instalado nunha área arqueolóxica en Galicia. O sistema permitirá ó público viaxar no tempo e comprender as diferentes estruturas e épocas que se reunen na área arqueolóxica sobre a que se levantou o museo (os restos da muralla medieval). A través de proxeccións e animacións, os visitantes revivirán destacados momentos históricos dese espazo vinculado ao mar ao longo de máis de 900 anos.

A visita comezará lembrando a chegada da Segunda Cruzada a Noia (1147) e continuará coa fundación da vila en 1168, recreando as primeiras cabanas e casas de pescadores e, no alto, a cidadela do Tapal.

Seguirá a visita relatando a construción da muralla (1320); o ataque das tropas inglesas de John of Gaunt, duque de Lancaster (1386), e a defensa da vila por mercenarios bretóns e franceses; e a importancia da pesca no século XVII.

O primeiro guía virtual será o mítico Noé, pois conta a lenda que Noia foi fundada por el, que lle chamou así ó lugar en honra da súa filla Noela e que a súa arca acabou varada nunha montaña da serra do Barbanza que identificaron co bíblico Ararat (un lugar do concello chámase A Barquiña, e o escudo municipal inclúe unha nave similar a unha arca).

A lenda tamén conta que varias naves de Noia participaron na toma de Sevilla en 1248 para Fernando III, dirixida polo almirante Paio Gómez Charinho, señor de Rianxo. O episodio máis coñecido foi a creba das cadeas da ponte de barcas, que facilitou o asedio da cidade polas tropas cristiás. As cadeas están presentes tamén no escudo municipal.

Outro guía do Museo do Mar será Sebastián de Ocampo, finado en Sevilla en 1514, un navegante e explorador vinculado a Noia que participou na segunda viaxe de Colón.

Nos grandes descubrimentos e exploracións do século XVI tamén ten un lugar o grumete Antón de Noia, que embarcou na Trinidad de Magallanes durante a primeira volta ao mundo. “Morreu no encontro da illa de Mactán cando o rei de Mactán non quixo bicar as mans do rei de Zubu... Naquela emboscada o rapaz de Noia, aprendiz de navegante, deu mostra do seu heroísmo pondo-se diante do seu capitán para receber a primeira frecha”, escribiu del Avilés de Taramancos.

Por suposto, no museo terá protagonismo o almirante Luis Cadarso y Rey, nado en Noia en 1843. Estivo destinado en Cuba, o Mar do Sur, Ferrol, Madrid e as illas Filipinas.

Por último, será tamén guía virtual Carmen Pérez García (1902-1993), armadora local que tivo unha flota de seis barcos, máis catro en sociedade, á fronte (co seu irmán Manuel) da empresa familiar Navales Barcia S.L., fundada en 1941.

11 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.