Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
FESTIVAL. A programación inclúe a artistas de Italia, Bretaña, Francia, Lituania e Paraguay // Nesta oitava edición, a cita musical incorpora os xardíns da central do Tambre como escenario// Celebrarase entre do 4 ao 6 de agosto TEXTO Marta Torres

Noia Harp Fest volve encher de actuacións e talleres a vila

En tan só unhas semanas, as arpas volverán soar na vila noiesa, que acollerá a oitava edición do certame internacional Noia Harp Fest do 4 ao 6 de agosto. O director da cita musical, Rodrigo Romaní, e o concelleiro de Cultura, José Pérez, foron os encargados de presentar a programación, que reunirá a artistas de Italia, Bretaña, Lituania, Francia, Paraguay, Galicia, Euskadi, Cataluña e Andalucía.

Nesta ocasión, o Noia Harp Fest ofrece concertos gratuítos para o público, ao aire libre, de intérpretes destacados deste instrumento. Como resultado, o certame acolle a través da súa programación unha pluralidade estilística moi variada, o que dará pé a que os asistentes gocen “dunha proposta exquisita na que tamén se descobren rarezas de calidade”, tal e como apuntou Romaní. Estilos como a música clásica, as creacións populares europeas e latinoamericanas, a vangarda contemporánea, o folk ou, por primeira vez, o flamenco, formarán parte do festival.

Así, a arpa constitúe o eixo vertebrador dun evento cuxo cartel inclúe a arpistas e intérpretes de sona, como a italiana Marianne Gubri; o bretón Tristan le Govic -en formato trío-; a andaluza Ana Crisman; agrupacións como a vasca Basabi, formación con interese na difusión da txalaparta e da que forma parte a coñecida arpista Alicia Griffith; ou o tándem conformado polos arpistas Davide Burani e José Antonio Domene, entre outros.

O festival terá un circuíto de escenarios constituído pola xa tradicional Praza do Tapal, espazo no que se desenvolven habitualmente os concertos nocturnos. Mais, neste 2021, o Noia Harp Fest incorpora un novo escenario a ceo aberto: os xardíns da central do Tambre.

Outra das novidades respecto da pasada edición do evento é que retomará algunha das súas actividades paralelas habituais. É o caso dos obradoiros impartidos polos participantes no festival, que ofrecerán clases maxistrais ao alumnado deste instrumento en Santa María A Nova. Serán tres sesións diferentes, nas mañás dos días de celebración, nas que Marianne Gubri (mércores 4), Aiste Bruzaite (xoves 5) e Ana Crisman (venres 6) compartirán todos os seus coñecementos e experiencia con novos instrumentistas.

O prazo de solicitude para participar nestes talleres abriu o pasado día 14 de xullo. Toda a información ao respecto está dispoñible na páxina web do certame (noiaharpfest.gal).

Lembrar que os concertos do Noia Harp Fest son de acceso gratuíto, se ben cómpre facer unha reserva previa para poder asistir. En atención á normativa sanitaria vixente de prevención da COVID, as persoas interesadas en asistir a algunha das citas do certame deberán remitir con antelación un correo electrónico á dirección programacionconcellodenoia@gmail.com, indicando o seu nome e apelidos, DNI, teléfono de contacto, actuación á que queren ir -indicando o día ou días que queren asistir, así como a hora ou horas das mesmas- e número de persoas que acudirán a cada unha -no caso dos concertos de tarde, será un máximo de dúas persoas, mentres que os nocturnos será posible reservar ata catro prazas-.

Segundo apuntaron dende a organización, o Concello confirmará os convites mediante o mesmo método. Para máis información sobre o VIII Noia Harp Fest, ou calquera novidade acerca do festival, o público pode visitar a páxina web oficial citada anteriormente ou os perfís que o certame posúe nas canles Instagram, Twitter, Facebook e Youtube.

Un evento que en pouco tempo granxeou unha fama internacional, recalando na vila cada ano algúns dos mellores arpistas do momento.

18 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.