Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nomean a praza dos Tilos en homenaxe ó mercado labrego

Socialistas e populares abstivéronse nesta ‘trascendental’ decisión do goberno de Teo e BNG // Rutas amenizadas cos Quinquilláns

O pleno do Concello de Teo acordou cun máis que raquítico apoio (os catro munícipes que gobernan en alianza co BNG), nomear o enclave dos Tilos, no que se celebra semanalmente unha pequena feira de produtos da terra, como Praza do Mercado Labrego. O resto dos edís dunha Corporación de 17 concelleiros, catro do PSOE e sete do PP, optaron pola abstención por aquilo de chámalle xe.

A trascendental decisión coincidiu coa celebración dos dez anos de funcionamento do mercado, e vén a “oficializar” un nome que, aseguran dende o goberno local en minoría, “a veciñanza xa utiliza no seu día a día”. No que si acertaron foi na argumentación para pór en valor o traballo dunhas feiras de proximidade que “dan garantías de calidade dos produtos, xeran sinerxías positivas entre as persoas usuarias e produtoras, contribúen ao mantemento dos sistemas agrícolas tradicionais, sobradamente demostrados como os máis sustentables, e por tanto, son un motivo de orgullo colectivo”, festexaban dende o executivo local de Anova da man dos seus apoios nacionalistas.

TEATRO. E sen saír do apartado lúdico-festivo, dende a concellaría de Turismo seguen a apostar polo formato de visitas teatralizadas –anotacións na súa web– para este verán, os meses de xullo, agosto e setembro en sábados alternos. Unha delas será a xa consolidada Ruta da Batalla de Cacheiras, un percorrido de 9 Km dende Bamonde a Montouto onde a compañía teatral Os Quinquilláns achegan, en diferentes paradas, a historia acontecida no noso territorio o 23 de abril de 1846 con rigor e humor. O punto de encontro será a Reitoral de Bamonde ás 10.00 horas.

Pero ademais, introdúcese unha nova ruta teatralizada, Per caminho de Lampai, un percorrido circular de 5 quilómetros con saída e chegada na capela de Santa Ana (Agrela, Lampai). Este itinerario ten como fío condutor o poema que un trobador medieval, Xoán Airas, dedicou á súa namorada cando marchaba para Portugal atravesando este territorio, e serve de escusa para visitar os impresionantes marcos medievais que aínda se conservan dentro dos lindes teenses.

30 jun 2022 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Teo
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.