Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“Nós somos os responsables da sociedade que queremos forxar”

Uns cadernos que lle regalaron cando era nena motivaron que Patricia Torrado Queiruga (Porto do Son, 1987) se iniciase na escritura. Máis de dúas décadas despois, esta licenciada en Filosofía acaba de lanzar a súa primeira obra: Don Carlos e o misterio dos lucecús. Trátase dun traballo dirixido ao público infantil no que pon en valor o lugar onde vivimos, o medio ambiente, as tradicións, o amor e os prexuízos.

Cando esperta o seu interese pola escritura?

Lémbrome con oito anos escribindo e debuxando nun caderno de tapas fermosísimas o que me acontecía cada día, unha sorte de diario. Lembro a descuberta da poesía en quinto de primaria da man do que daquela era o meu profesor, José Manuel Vidal. Os veráns na casa dos meus avós lendo Grandes exploraciones mentres a avoa facía leite frito. A descuberta do teatro no verán dos meus doce anos lendo a Shakespeare nunha edición de 1974. Pero o gusto pola escrita así como tal debeu comezar no 2005, naquel primeiro ano na Facultade de Filosofía, nas tardes outonizas na rúa dos Lagartos, en Compostela, nun piso frío, sen tele nin ordenador.

Cales son os ingredientes que debería ter calquera libro?

Que me leve a outros lugares, que amplíe os meus coñecementos, que me remita a outras lecturas e culturas. Que sexa unha viaxe demorada de sensacións; descubrir nas primeiras páxinas que queres saber como remata e ver, que cando se achega o final, che encantaría que non acabase nunca. E se por riba o libro está ben escrito, que máis se pode pedir?

Que cre vostede que fai falla para escribir?

Calquera soporte no que se poida facelo, papel e lapis ou boli, ordenador, teléfono... Ás veces unha boa idea ou non, un lugar co “clima” axeitado ou no despacho da miña casa, cunha mesa chea de papeis, pinceis, pinturas e cun cativo de sete anos roldándome e chamándome mamá. Souben unha vez de xente metódica, que lle dedica á escrita horas específicas do día, sempre as mesmas, ordenada, que sabe de principio a fin cal vai ser a historia que vai contar e ten definidas as personaxes dende antes de sentar. Eu non son nada diso, son desordenada, sento a escribir cando podo, hai días que non escribo unha liña e outros nos que van capítulos enteiros e gústame non saber como vai rematar a historia, gústame ver como se van conformando as personaxes e as historias co decorrer dos días.

Que a levou a sacar á luz algúns dos seus escritos?

A necesidade de non seguir amoreando orixinais na mesa do meu despacho, temo acabar sepultada por tanta cousa na miña desorde. Brincadeiras aparte, neste caso foi un cúmulo de casualidades, encetar unha historia, mandala a un certame literario que ficou deserto, saber que era unha historia que pagaba a pena ler ou contar, o impulso de enviala a unha editorial, Baía, e que creran nela, en que merecía ser editada, algo polo que estarei eternamente agradecida.

Acaba de lanzar o seu primeiro traballo, ‘Don Carlos e o misterio dos lucecús’. Como xorde?

Esta obra xorde, principalmente, como homenaxe a Xosé Carlos Mosteiro Fraga, que amais de ser amigo moi querido era un mestre e escritor marabilloso. E poderiamos dicir tamén que pola necesidade de que nalgunhas obras para a cativada se fale de certas cousas.

Cal era o seu obxectivo?

Chegar á xente nova dun xeito máxico pero sincero, deixando que se acheguen a unha realidade diversa e se sintan parte dela, que non lles sexa allea. Así mesmo tenta educar en valores, valores que nunca debemos esquecer ao longo da nosa vida pois somos, maiores e crianzas, directamente responsables da sociedade e do mundo no que estamos e da sociedade que queremos forxar ou o mundo no que nos gustaría vivir. Don Carlos e o misterio dos lucecús convida tamén á xente non tan moza a reflexionar, é unha obra que pode lerse a calquera idade, porque dentro desta historia hai moitas outras historias igual de importantes e que debemos pararnos a desentrañar. Hai ecoloxía, respecto, coidados, música, viaxes, historia, medos, diversidade, amizade e grandes doses de amor en todas as súas vertentes; combatendo estereotipos e prexuízos. Presentando cuestións sobre as que cada unha das persoas deberá reflexionar, non é un libro de respostas, é un libro que busca incentivar a curiosidade e que nos repensemos no mundo. Así mesmo, tamén hai unha referencia importante ás obras de Carlos Mosteiro, a miña obra pode levar ás del e as del á miña. A maioría dos títulos que lle dan nome aos capítulos deste misterio son os títulos das obras de Carlos, versionados e, sen ter nada que ver, tecen unha arañeira fermosa.

Non sei se xa embarcou no seu próximo proxecto literario ou se hai algunha vertente que lle interese.

O próximo proxecto literario sairá este outono da man da editorial Alvarellos e por cortesía do Concello de Cospeito, que tiveron a ben honrarme en 2020 co premio Torre de Caldaloba de poesía, o que aparella a publicación do libro, un poemario titulado Herdar a Fala. Pero no caixón quedan obras ilustradas, moreas de poemarios, unha novela xuvenil, un conto para a cativada e un traballo de investigación que xermolou mentres aleitaba ao meu fillo.

26 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.