Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
PERFORMANCE. Profesoras do instituto Espiñeira de Boiro caracterizáronse a imaxe e semellanza da novelista e feminista no centenario da súa morte // Organizaron na Biblioteca Safo do centro lecturas, charlas e proxeccións sobre varias facetas da autora // Celebran tamén a Semana Fauna TEXTO Suso Souto

Nos zapatos de Emilia Pardo-Bazán

No IES Espiñeira de Boiro hai un recuncho no que a literatura cobra vida grazas á creatividade dos seus docentes, que organizan orixinais actividades. Trátase da biblioteca do instituto, denominada Safo e de cuxo comité forman parte as profesoras Margot Fernández (Latín), Beatriz Hernández (Matemáticas), Ana Sequedo (Francés) e Lucía Somoza (Lingua e Literatura Castelás).

O pasado mércores, para conmemorar o centenario do pasamento de Emilia Pardo-Bazán, decidiron facer unha performance na que se vestiron de época para homenaxear á insigne coruñesa, feminista combativa nun tempo en que era díficil pronunciarse neste sentido, ademais de novelista, xornalista, ensaísta, crítica literaria, poetisa, dramaturga, tradutora, editora, catedrática e conferenciante.

A tal efecto, varias profesoras do mencionado centro adoptaron por un día a personalidade de dona Emilia para reivindicar a súa relevancia no eido intelectual e literario de fins do século XIX e comezos do XX.

A actividade comezou coa presentación das donas Emilias, para o cal un grupo de profesoras se caracterizaron axeitadamente. Por parte do departamento de Linguas Clásicas, e tendo como destinatario o alumnado de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato, estanse realizando estes días, e ata o mércores, unha charla sobre a figura de Emilia Pardo-Bazán, para contextualizar á autora no panorama intelectual e literario da época; unha proxección de material audiovisual relacionado coa súa figura; lecturas de fragmentos extraídos das súas novelas ou alusivos á súa presenza no eido cultural do momento; e análises da súa figura como icona feminina e feminista e do seu papel de condesa rebelde, encarnación da muller liberada.

INICIATIVA ANIMALISTA. Por outra banda, estes días estase a celebrar tamén no instituto a denominada Semana Fauna, unha iniciativa animalista e medioambiental promovida por Mónica Pérez Arias, profesora de Educación Plástica e Audiovisual e directora da Comisión de Bioética do centro. A citada docente, activista profundamente concienciada e sensibilizada co maltrato animal, esfórzase por concederlle protagonismo a este eido temático nos currículos educativos.

Así, tivo a idea de habilitar un espazo dentro da Biblioteca Safo dedicado á literatura cuxo eixo xira en torno a estes argumentos. O rincón ecoloxista, que se inaugurou este venres, ten como emblema unha performance deseñada pola propia Mónica, e consistente na pintura dunha árbore que medra envolta por paxaros e bolboretas que xorden a medida que transcorren os días, acompasando o devir académico do espazo co devir estacional.

A Semana Fauna complétase con obradoiros de camisetas con motivos animais, exposicións dos fondos bibliográficos e aportacións doutros departamentos do instituto.

14 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.