Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nova área de Urxencias e consultas de retina para o Virxe da Xunqueira

Habilitarase un circuíto específico para atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias // Investiranse catrocentos mil euros

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou o Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee, onde anunciou que a Xunta publicará, na plataforma de contratos de Galicia, a licitación do proxecto de reforma da área de urxencias, para o que se estima un investimento, entre obra e equipamento, de 400.000 euros.

As novas urxencias contarán cun circuíto específico permanente e independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias, incorporando un novo control de enfermería para ese dobre circuíto. Ademais, as novas dependencias engadirán aos actuais sete boxes de observación e ao único existente para pacientes illados outros 5, todos eles preparados para usuarios illados.

García Comesaña remarcou que se habilitará tamén unha nova sala de traballo médico e outra de traballo de enfermería.

Xunto coa reforma de urxencias, o conselleiro anunciou que este mes se porán en marcha no Servizo de Oftalmoloxía as consultas de retina médica e os tratamentos intravitreos que afectan á retina. Estarán dispoñibles todos os martes e os xoves en horario de tarde.

En consecuencia, “o hospital de Cee terá unha unidade de retina que ofrecerá as ferramentas e tratamentos máis avanzados para atender patoloxías como a dexeneración macular asociada á idade; as oclusións venosas na retina ou os edemas musculares diabéticos”, afirmou. Deste xeito, gañará en autonomía en consultas, probas e tratamentos que ata o de agora obrigaban aos pacientes a acudir ao Hospital da Coruña. Na actualidade, hai 250 pacientes pendentes desta consulta ou tratamento, co que reduciranse desprazamentos e demoras.

Con esta reforma, a Xunta está a culminar a renovación integral dos sete hospitais comarcais galegos nunha aposta por aumentar a súa capacidade, “como vén de comprobarse coa dotación a este hospital dun novo equipo radiocirúrxico, por 90.000 €”, subliñou o conselleiro.

Consolidar a rede de hospitais comarcais non responde a visións localistas, nin fragmentadas, “senón a unha visión de conxunto de mellora da sanidade pública galega”, remarcou Julio García. As reformas realizadas nos hospitais comarcais abranguen a mellora xa finalizada da eficiencia enerxética do Hospital da Mariña e a segunda fase de reforma e ampliación deste centro; a licitación da nova área de esterilización no Hospital do Salnés; a finalización das obras no hospital de día e reforma da farmacia no de Monforte; as reformas xa en marcha das consultas externas do de Valdeorras así como o próximo comezo das da área de ciruxía maior ambulatoria, hospital de día e farmacia deste hospital; as obras que se levarán a cabo da nova unidade de endoscopias no Hospital da Barbanza; e a próxima licitación da ampliación das urxencias no de Verín.

Na visita a Cee, o responsable da sanidade pública galega estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor; a alcaldesa, Margarita Lamela; así como polo xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde e a directora do distrito sanitario de Cee, Carmen Otero. A rexedora, Margarita Lamela, aproveitou a visita do conselleiro para demandarlle a limpeza e unha solución definitiva para a fachada do hospital, e que Sanidade asuma a xestión do centro de saúde. De momento, Julio García comprometeuse a renovar a caldeira e as fiestras, á espera de dispoñibilidade financieira para facerse cargo do consultorio, segundo sinalou a alcaldesa.

07 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.