Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novo depósito para reforzar a rede de abastecemeto de auga na Laracha

A Laracha. O Concello e Augas de Galicia teñen en vigor o convenio que permitirá a execución da fase 1 do proxecto de mellora da rede de abastecemento, que inclúe a creación dun novo depósito de cabeceira e dunha estación de bombeo de auga potable coas súas correspondentes canalizacións, “o que implicará unha mellora substancial que garantirá o caudal neste servizo con visión tanto de presente, para continuar ampliando a cobertura en máis núcleos rurais, como de futuro, considerando o progresivo aumento de poboación que se está a rexistrar”, sinalan dende o goberno local.

O orzamento da obra ascende a 1.850.000 euros, dos cales Augas de Galicia achegaría o 80 %. Ao proxecto inicial incorporáronse posteriormente unha serie de melloras necesarias ante as dificultades técnicas intrínsecas do mesmo, e tamén se incluíron no importe da adxudicación os gastos da certificación final da obra. Isto implicou un incremento no orzamento, ata 2.093.967,90 euros. O aumento será asumido por Augas de Galicia.

O prazo de execución das obras é de oito meses, e a nova previsión é finalizalas na anualidade 2023 e que a liquidación se efectúe en 2024. A achega municipal trasladarase ao orzamento do ano que vén. Isto supón que os 370.000 euros da aportación municipal prevista queden liberados das contas de 2022 para ser investidos antes de final de ano noutros proxectos e iniciativas de interese xeral para a cidadanía larachesa.

Todas estas circunstancias levan consigo a necesidade de modificar o convenio entre o Concello e Augas de Galicia para adaptarse á nova realidade do proxecto, para o que se require do acordo da Corporación municipal, que estudará a proposta no pleno do próximo martes.

Cabe lembrar que o Concello xa adquiriu e puxo a disposición de Augas de Galicia o terreo necesario para a execución desta actuación, unha parcela de 4.158 metros cadrados de superficie localizada no lugar das Camposas, na parroquia de Golmar.

21 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.