Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novo roteiro en Outes que aúna natureza e patrimonio

As fervenzas de San Paio e os gliptógrifos da Carballa son os puntos máis atractivos // Trátase dunha ruta circular que arrinca na Serra

En tempos atípicos como os que estamos a vivir, o territorio galego ofrece multitude de posibilidades para desfrutar de plans e actividades, ademais de conectar coa natureza, sen correr ningún risco.

Destacan entre ese abanico de alternativas as rutas de sendeirismo. O Concello de Outes vén de presentar un novo roteiro que reforza a súa oferta de turismo de natureza. O trazado ofrece a posibilidade de coñecer a zona interior do municipio xa que as protagonistas son as parroquias de San Lourenzo, Valadares e Outes.

Presenta un percorrido circular de 23,5 kilómetros que permitirá ao camiñante gozar dun itinerario de grande interese natural pero tamén cultural, coa carballeira e as fervenzas de San Paio e os gliptógrifos da Carballa como puntos máis atractivos.

O roteiro iníciase na propia Serra de Outes para seguir o curso do río Tins por unha contorna natural espectacular ate chegar á parroquia de San Lourenzo, onde se poderán visitar os vestixios da Torre dos Mouros e a igrexa de San Lourenzo de Matasueiro. Logo ascéndese cara o lugar de Gosende, no núcleo de Valadares, a través da paisaxe debuxada pola carballeira de San Paio, tras pasar pola capela homónima e observar de preto as fervenzas, tomando un desvío de 500 metros.

Despois, o sendeirista continuará cara Valadares, onde pasará pola capela de San Miguel de Valadares. Desde aquí, o trazado transcorre por paisaxes agrogandeiras das terras altas de Outes hacia o espazo arqueolóxico dos gliptógrifos da Carballa, con vistas ao val de Carleo, conformado polo río Bendimón.

“Desde os gliptógrifos, atravesa o val para ascender desde Carleo de Abaixo aos montes da Vaqueira e descender cara Cambeiro de Arriba, uníndonos co trazado do Camiño de Santiago da Ría de Muros-Noia cara a Serra de Outes”, explican dende o departamento de Turismo.

Este novo roteiro que se pon en funcionamento dende o Concello outense, pretende dar continuidade á planificación que se vén realizando nos últimos dous anos, nos que se puxeron en marcha as rutas do Tremuzo, do Tambre e a dos Carpinteiros cos Pés Mollados.

Segundo indicaron as mesmas fontes, este itinerario é apto para practicar sendeirismo, aínda que tamén se pode realizar en bicicleta na súa totalidade. Pódese atopar máis información sobre a oferta de roteiros do concello na páxina web municipal (turismo.outes.gal).

Destacar que a sinalización desta nova ruta contou co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a través da liña de axudas para a mellora de infraestruturas turísticas.

Hai moitas formas de coñecer lugares pero, sen dúbida, unha das mellores opcións é sempre facelo a pé.

18 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.