Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O BNG esixe que os orzamentos estatais inclúan o proxecto que humanizará Milladoiro

Néstor Rego recibiu o apoio do grupo frentista amesán ao completo // Reclaman medio millón para que no 2022 poida haber avances

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, presentará unha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) para 2022 na que solicita a inclusión dunha partida específica de medio millón de euros para a redacción do proxecto completo de humanización da avenida Rosalía de Castro en Milladoiro. Así o confirmou acompañado do grupo municipal do BNG de Ames, e procurará solucionar tamén o acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro “nun Concello esquecido polo Goberno do Estado nestes OXE”, apuntaban fontes da formación nacionalista.

Durante a visita do grupo municipal do BNG de Ames, encabezado polo seu voceiro e tenente de alcalde, David Santomil, e acompañado polas concelleiras Natividade González e Escarlata Pampín, sinalaron a necesidade de que o Goberno do Estado se implique e involucre con investimento real. Demanda do executivo estatal compromiso político que dea resposta a “unha reclamación histórica da veciñanza, do tecido asociativo e de todos os grupos políticos que compoñen a corporación municipal”.

“Un Concello como Ames, con máis de 32.000 habitantes non pode ficar no esquecemento nos novos orzamentos, máxime cando están redactados os anteproxectos de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro e da mellora do acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro” explica o voceiro municipal, lembrando o compromiso do Goberno central coa patronal do seu concello.

Seis anos de emendas nacionalistas para solventar os problemas de tráfico, seguranza e ruído na urbe
Láianse de que nin o Executivo do PSOE nin o popular de Rajoy asumiron as demandas

Néstor Rego comprométese a presentar emendas nos OXE para reclamar a inclusión de partidas específicas co obxectivo de que se leve a cabo a redacción do proxecto completo para a humanización da Avenida Rosalía de Castro. O congresista indicou que esta é una reclamación xusta que non pode continuar demorando a súa execución.

“O Milladoiro leva moitos anos esperando por unha actuación que ten por obxectivo mellorar a calidade urbana e, por tanto, a calidade de vida de todas as persoas que viven ou traballan no Milladoiro. Humanizar a Avenida Rosalía de Castro e mellorar o acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro son actuacións non só necesarias senón tamén urxentes. Non é de recibo que o Estado continúe adiando estas obras e esqueza os investimentos nun dos concellos máis poboados do noso País”, suliñaba onte.

E tamén lembrou Rego que, tanto no proxecto de orzamentos do ano pasado, como xa en 2015, a formación nacionalista presentou unha emenda para dar solución aos problemas de tráfico, seguranza e ruído que padece a veciñanza do Milladoiro, “froito da política urbanística do Partido Popular”, dixo.

As emendas presentadas pola organización frentista foron rexeitadas polos respectivos gobernos estatais de PP, en 2015, e da coalición PSOE-UP, para 2021.

Hai que lembrar que no pasado mes de xuño, o novo delegado do Goberno deu a coñecer que xa se completara a primeira fase para humanizar a meirande urbe amesá, que consistía no desvío do tráfico pesado da nacional. Despois acometéronse os estudos para crear un acceso directo, antes da rotonda, ata o parque empresarial.

E na terceira fase, paralelamente ás obras dese acceso, vanse ir definindo os traballos de humanización a levar a cabo como son a redución de catro a dous carrís de circulación, a ampliación das medianas arboradas e do espazo para os peóns co que quedaría rematada a cuarta fase do proxecto, unhas melloras que xa deu a coñecer este xornal o 1 de outubro, cando o rexedor divulgou o proxecto de acceso directo ó polígono.

26 oct 2021 / 17:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.