Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O BNG presenta un Concello que é máis sostible e integrador

Ve estabilidade orzamentaria amesá e unidade // Aposta polas políticas sociais e infraestruturas

O grupo municipal do BNG de Ames fai balance dun mandato marcado pola incidencia da COVID na política local. E segundo os seus responsábeis, foron dous anos de forte aposta polas políticas sociais, a axuda aos colectivos máis afectados pola crise sanitaria e a mellora de infraestruturas públicas.

A estabilidade política e orzamentaria resultou fundamental para afrontar unha etapa de “enormes dificultades”, priorizando dende un primeiro momento as axudas e a atención ás persoas e ás familias con maiores necesidades a través dos servizos sociais do Concello de Ames e dos programas de conciliación da vida laboral e familiar nos centros escolares, continúan os munícipes. Pero tamén inclúen a posta en funcionamento do novo centro de saúde do Milladoiro en xaneiro deste ano ou a finalización do novo comedor escolar do CEIP A Maía no mes de maio de 2021.

“Destacamos a reprogramación de actividades culturais, o dinamismo das bibliotecas municipais cos Encontros Literarios ou os Dixicontos, a adaptación da Radio Municipal e a Escola de Música á nova situación e creando o Consello Sectorial da Cultura como órgano de participación”, aportan os edís, sen esquencer o impulso á oficina de información xuvenil OMIX, o novo festival SolporSon, a creación de espazos de lecer como os anfiteatros e os parques de calistenia, ou programas específicos de fomento do galego como Youtubeir@s, Galetiktokers, Apego, arte urbana e Trouleando, entre os programas orientados á mocidade.

Dende o grupo municipal do BNG de Ames rematan calificando este balance de “positivo” no ecuador deste mandato despois de dous anos moi complexos, pero que permiten traballar “con optimismo e establecer novos retos que temos por diante”. E como exemplo, destacan os investimentos previstos no Plan EDUSI-Impulsa Ames, a construción dun novo CEIP no Milladoiro e a cociña central en Bertamiráns, o necesario proxecto de reurbanización da Avenida Rosalía de Castro na N-550, a mellora de equipamentos culturais e deportivos, a dotación de infraestruturas no rural, a necesaria recuperación ambiental do río Sar e a creación dunha empresa municipal de xestión do ciclo integral da auga, entre outros, “como exemplo dun Ames máis sostible e integrador para vivir e traballar”, destaca o Bloque.

A formación suma tres edís na Corporación amesá, que son o primeiro tenente de alcalde, e concelleiro de Educación, Servizos Educativos Complementarios, Escolas Infantís Municipais e Patrimonio Histórico, David Santomil; Natividade de Jesús González, concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Información, e Escarlata Pampín, edil de Mocidade e Normalización Lingüística.

09 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.